El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

GALICIA | TRANSPORTE PÚBLICO

A Xunta destinará 730 millóns a soster durante a vindeira década un sistema de transporte público

23-07-2019 18:55:27

A Xunta destinará preto de 730 millóns de euros durante a vindeira década a soster un sistema de transporte público que duplicará a súa cobertura territorial a través de máis de 3.100 liñas de autobús. Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na rolda de prensa de presentación, hoxe, do inicio do proceso de información pública do mapa de liñas de autobús que completan a renovación do 100% do transporte público galego.

Os proxectos que hoxe inician a súa información pública son 28 contratos de transporte público que afectan, fundamentalmente, ás provincias de Pontevedra e A Coruña e que abranguen un total de 1.206 liñas de autobús que percorrerán 32,2 millóns de quilómetros cada ano. Súmanse ás 1.900 que forman os 100 contratos centrados nas provincias de Ourense e Lugo e que xa se atopan en proceso de adxudicación.  

Desta forma, tal e como sinalou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, en total, o Plan de transporte público de Galicia suporá 61 millóns de quilómetros de servizos de autobús cada ano, o que significa máis que duplicar a cobertura territorial existente hai 3 anos, cando se iniciou esta renovación. Desta forma, o 97% da poboación de Galicia pasará a contar cunha parada de transporte público a menos de 1.000 metros de distancia do seu domicilio. 

“O transporte público por estrada vai dar mellores solucións de mobilidade e o dobre de solucións de mobilidade que o que se daba hai escasos 3 anos”, trasladou a conselleira, quen sinalou que os interesados dispoñen de prazo ata o 23 de agosto para presentar suxestións a un mapa de liñas que é resultado dun intenso traballo de campo e de consulta cos concellos e usuarios. 

Ethel Vázquez salientou que neste segundo bloque de contratos, a Xunta volve apostar polo autobús compartido, de forma que das 1.206 liñas de autobús, nun total de 701 será posible aproveitar os asentos baleiros do transporte de escolares. Así, cando a renovación integral dos servizos estea en marcha, o 50% dos escolares con transporte en Galicia serán atendidos con autobuses compartidos. 

Do mesmo xeito, os novos contratos tamén inclúen a modalidade de servizos baixo demanda, o que está incluído en 627 liñas. Trátase de expedicións ou paradas con baixa ocupación nas que se vai permitir que o autobús ou o taxi só preste servizo cando estea asegurado que vai haber pasaxeiros. 

En relación cos postos de traballo, estas liñas de transporte mobilizan un total de 1.200 empregados, dos cales a terceira parte son condutores e o resto monitores acompañantes. A este respecto, a conselleira destacou que as cláusulas sociais do total do Plan de transporte público ofrecen todas as garantías para un mínimo de 3.182 postos de traballo directo.


Achega económica da Xunta 

A nova fase do Plan de transporte público está composta, como a anterior, por contratos cunha vixencia de 10 anos e, neste caso, prevén un volume de negocio de 56 millóns de euros ao ano, dos cales o 41% se corresponden con achegas da Administración autonómica. 

A conselleira lembrou que nos contratos do primeiro bloque a achega económica da Xunta supuña o 80% do total e neste segundo baixa ata o 41%, como consecuencia de que nas liñas das áreas máis urbanas o peso dos ingresos por venda de billetes é maior que no rural. "É dicir, que o transporte no rural galego non pode sosterse economicamente coa venda de billetes e, polo tanto, a Xunta realiza un maior esforzo económico para blindalo”, sinalou Ethel Vázquez.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias