Tras unha manifestación masiva e
ante unha abarrotada Praza da Quintana, a portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou
que a razón de ser do nacionalismo galego “é construír unha Galiza moderna, xusta
e igualitaria, unha Galiza de oportunidades e con futuro”, e iso é posible da
man dun BNG “renovado, moderno e con bases firmes”.
“Somos a alternativa”, recalcou, “porque temos un proxecto de país con
propostas actuais, avanzadas, que responden ás necesidades deste tempo”. Por
iso, fronte “á gran aspiradora do noso futuro que é Madrid”, a líder
nacionalista propón abrir un novo ciclo político que supoña un cambio real, e
situou ao Bloque como a única opción capaz de facelo posible porque non ten as
mans atadas polo centralismo.
“Se queremos un país con futuro, con capacidade para autogobernarse
necesitamos partidos libres, e a única organización política libre en Galiza
chámase BNG, quen pode cambiar as cousas é o BNG”, proclamou, tras asegurar que
este 25X é o punto de arranque para un tempo novo e pediu “centrar todos os esforzos”
en liderar ese futuro que empeza a construírse desde agora e até as eleccións
galegas de 2020.
“Temos
a base máis sólida para vertebrar o país, para
facer cristalizar o sentimento de identidade maioritario no pobo galego.
Para iso, concentremos o noso traballo en lograr que ese sentimento se traduza
politicamente en apoio a un proxecto integrador e afrontando con decisión o reto de dirixirnos á
maioría social”, demandou.
Pontón fixo fincapé na idea
de que este Bloque “renovado” empeza unha nova etapa “coa vontade clara de
liderar Galiza” cunha apelación directa a toda a base militante. “Pídovos que
levedes a cada cidade, a cada vila unha mensaxe clara: que somos un BNG que
encarna o nacionalismo deste século, somos a Galiza social, a Galiza económica,
a Galiza innovadora, ecolóxica, feminista, creativa. A Galiza seria e
traballadora e tamén a Galiza divertida. Somos isto e moito máis”.
Para afrontar os retos
que hai por diante, como a globalización ou o cambio climático, ou para
combater problemas como a precariedade laboral, a emigración, a desigualdade
social e de xénero ou a crise demográfica, a portavoz nacional demanda “poder
político, poder económico e capacidade de decisión desde aquí, porque ese é o
futuro, unha Galiza máis forte, con soberanía ante un mundo global”.
Un futuro, denunciou,
“que nos quitan” as forzas políticas estatais, “esas que din que defenden o
país pero miran todo o tempo para Madrid, que din gobernar desde aquí pero fan
o que lles mandan desde alí, que prometen pero que non fan máis que levar a
riqueza do país para Madrid”, que teñen como gran aportación “discriminación e
irrelevancia política”, como se constatou de novo no debate de investidura.
Mentres vascos, cataláns,
canarias, valencianas, cántabros “pelexaron polo seu” da man de forzas
políticas propias, “Galiza estaba missing”
porque para PP, PSOE ou Podemos “este país é intranscendente”. Por iso,
indicou, “a nosa responsabilidade é escoitar, actuar con humildade e audacia e
canalizar a tremenda decepción que existe ante a falta de respostas para Galiza
por parte das forzas estatais” que só receitan “dormidina”.
Pontón tamén deixou
claro que, ante un fracaso na constitución dun Goberno no Estado, o Bloque vai
ir a por todas para darlle voz propia Galiza no Congreso: “se en novembro hai
nova cita coas urnas, iremos a por todas, deixándonos a pel para que Galiza
volva ter voz e peso da man do Bloque Nacionalista Galego, porque ou o facemos
nós, darlle voz a este país ou, está visto, ninguén máis o fai”.
BNG á alza
Cun BNG á alza e
convencida de que unha maioría social quere un cambio real, Pontón proclamou
que, “outra Galiza é posible, con capacidade de decisión, que aposta pola
innovación para crear emprego de calidade, que se preocupa porque volvan a
mocidade emigrada, unha Galiza que coida o territorio e enfronta o cambio
climático, unha Galiza feminista, que mira o mundo pero que non renuncia ao seu
idioma. Esa é a Galiza que queremos construír e non é unha utopía, porque co BNG
podemos facela realidade”, concluíu.
A manifestación contou coa asistencia
dunha nutrida representación de delegacións doutras forzas políticas
nacionalistas e soberanistas doutros territorios do Estado e do mundo. Entre
outras, ERC, CUP desde Catalunya; EH-Bildu, EA, e PNV desde Euskadi; o Bloc
Nacionalist de Valencia, responsables das forzas nacionalistas en Mallorca e
tamén de Gales (Plaid Cymru), Irlanda (Sinn Fein), Portugal (Bloco de Esquerdas
e Partido Comunista Portugués), Cuba (consul en Galiza), Brasil (Partido dos
Trabalhadores), Palestina (Fronte Popular de Liberación de Palestina). Departamento de comunicación