El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Economí­a

BANCA

ABANCA gaña 250,1 millóns

29-07-2019 16:14:03

A CORUÑA | ABANCA obtivo no primeiro semestre de 2019 un beneficio neto de 250,1 millóns de euros. Esta cifra supón un ROE do 10,7%, que continúa situando a ABANCA entre as entidades máis rendibles do sistema financeiro español. O balance da entidade recolle por primeira vez o efecto da recente integración de Deutsche Bank PCB Portugal, situando o seu volume de negocio preto dos 80.000 millóns de euros á espera de finalizar a integración de Banco Caixa Geral. Destaca o dinamismo da actividade crediticia con pemes e autónomos (cun crecemento do 6,4% nas novas formalizacións) e do negocio de seguros (+7,4%), dous dos piares do plan estratéxico que ABANCA está a desenvolver.

A entidade continúa situada entre as primeiras do sistema por solvencia, cun cociente CET1 do 14,7%; tamén por calidade da carteira, cunha taxa de morosidade que, tras 21 trimestres consecutivos de mellora, sitúase xa no 3,3%, un dos mellores cocientes do sistema financeiro español. O bo desempeño do banco vese reflectido nas súas cualificacións crediticias. Recentemente DBRS elevou a súa nota ata BBB grazas á mellora continuada dos ingresos recorrentes e da calidade dos activos. ABANCA é investment grade en DBRS e Fitch.


Crecemento dos ingresos

ABANCA continúa reforzando a súa capacidade de xeración de ingresos recorrentes, cunha marxe de intereses que alcanza os 272,1 millóns de euros tras aumentar un 5,6% interanual. O crecemento da marxe é resultado do bo desempeño do negocio con clientes, destacando o crecemento do crédito e a boa xestión dos prezos da nova produción, así como a fortaleza mostrada na captación de depósitos. O custo do risco (CoR) mantense estable e entre os mellores do mercado grazas á continua redución de saldos dubidosos e á política de prudencia na concesión de crédito.

Os ingresos por prestación de servizos rexistraron un incremento do 5,7% interanual, destacando os ingresos por comercialización de seguros, plans e fondos, que aumentan un 9,8%. Neste ámbito, foi determinante a innovación orientada ao cliente, con produtos innovadores como a Tarifa Plana de seguros ou os seguros ON-OFF. Os ingresos por servizos de cobros e pagos aumentan un 8,1%.


Investimento en capacidades tecnolóxicas

A fortaleza financeira do banco permítelle acometer investimentos que potencien as súas capacidades tecnolóxicas e de negocio. Nos últimos 18 meses ABANCA dedicou a iso un total de 145 millóns de euros. As canles dixitais seguen incrementado o seu papel no negocio e, tras un crecemento do 7,7%, superan xa o 54,8% do total de transaccións. O investimento en capacidades dixitais trae consigo un incremento da produtividade da rede comercial, que supera xa a unidade comercializada (produto ou servizo contratado) por día e empregado.  


Volume de negocio

Tras a integración de Deutsche Bank PCB Portugal, o negocio de ABANCA crece un 13,6% e sitúase nos 78.661 millóns de euros, preto do limiar dos 80.000 millóns. O crecemento é equilibrado tanto en crédito, que aumenta un 13,5% ata os 32.826 millóns, como en captación de recursos, que o fai nun 14,3% ata os 44.515 millóns. Á marxe desta integración ABANCA segue mostrando a súa sólida capacidade de crecemento orgánico. Sen ter en conta o mercado portugués, ABANCA mostra unhas taxas de crecemento do 4,9% en crédito a clientes e do 4,7% en captación de recursos, impulsados polo máis de 50.000 novos clientes que ABANCA captou no que vai de 2019.

Na carteira de crédito presenta un peso crecente o financiamento a pemes e autónomos, grazas ao dinamismo mostrado nas novas formalizacións con estes segmentos (+ 6,4% con respecto a xuño do ano pasado). A exitosa integración de Deutsche Bank Portugal, un dos feitos máis destacados do semestre, permite un incremento do 44,7% dos recursos de clientes fóra de balance e potencia as capacidades de ABANCA nos segmentos de banca persoal e privada. O negocio adquirido achega a ABANCA unha cota total do 7% en fondos de investimento en Portugal, cifra que ascende ata o 35% no caso dos fondos internacionais. Ademais, trae consigo un crecemento do 11,6% nos depósitos de valores, cifrados en 1.726 millóns de euros.

Tras a integración, ABANCA xestiona en Portugal un volume de negocio de máis de 7.000 millóns de euros que a sitúan como décima entidade financeira do mercado portugués tanto por recursos de clientes como por crédito. ABANCA é ademais a primeira entidade en advisory banking. A entidade presta servizo a case 79.000 clientes (particulares e empresas) a través dunha rede comercial formada por 70 puntos de venda nas principais localidades e centros económicos de Portugal e conta cun equipo local formado por aproximadamente 500 profesionais de gran experiencia no segmento de clientes de alto valor. Por outra banda, ABANCA segue traballando no proceso de integración de Banco Caixa Geral que achegará outros 7.000 millóns de euros ao volume de negocio de ABANCA.


Negocio asegurador 


O negocio de seguros experimenta un forte crecemento impulsado pola innovación e as capacidades tecnolóxicas. Por ramos, os seguros de vida crecen un 6,1% e os xerais un 18,0%. Nos próximos anos a entidade espera dar un importante impulso a esta última actividade en España e Portugal. Para iso acaba de subscribir un acordo a longo prazo e con vocación de estabilidade con Crédit Agricole Assurances, primeiro bancoasegurador europeo. Ambos os grupos crearán unha joint-venture ao 50% con sede en Galicia que se dirixirá a particulares e empresas de menos de dous millóns de euros de facturación.

A alianza combina o coñecemento do cliente de ABANCA co expertise técnico e de produto de Crédit Agricole Assurances. O seu modelo, de carácter disruptivo, estará centrado no coñecemento das necesidades do cliente, o fomento da contratación self-service e a operativa omnicanal con enfoque dixital-first. A compañía creará e comercializará produtos sinxelos e innovadores, apoiados en solucións tecnolóxicas e acompañados dunha experiencia de cliente diferencial.


Calidade do risco e saneamento

ABANCA segue reducindo a súa taxa de morosidade, que a 30 de xuño quedou situada en 3,3%, amplamente por baixo das referencias do sistema. A entidade encadea xa 21 trimestres consecutivos de descenso da morosidade. ABANCA é a entidade española con menor carteira de dubidosos de crédito e a terceira con menor carteira de adxudicados. O cociente de cobertura total está situado no 59,0%, 57,1% para os saldos dubidosos e 61,8% para os activos adxudicados. A combinación de todas estas variables fai que ABANCA se sitúe como a entidade máis saneada do sector financeiro español, cun cociente Texas do 34,5%.


Solvencia e liquidez

Reforzado polas recentes emisións de instrumentos computables, o cociente de capital total alcanza o 16,8% phase in (16,1% fully loaded). O capital de máxima calidade (CET1) quedou situado no 14,7% phase-in (14,0% fully loaded), entre os máis elevados do sistema español. A entidade presenta un nivel de capitalización de 593 puntos básicos por encima dos requisitos regulatorios. A entidade dispón dunha cómoda posición de liquidez de 12.270 millóns de euros entre activos líquidos e capacidade de emisión de cédulas. Os activos líquidos cobren practicamente o dobre dos vencimientos de emisións. Os cocientes de financiamento neto estable NSFR (129%) e de cobertura de liquidez LCR (196%) permiten o cumprimento dos requisitos regulatorios fixados en Basilea III.


Sostibilidade

Doutra banda, o semestre supuxo un novo impulso á aplicación de criterios de responsabilidade social na actividade de negocio e o goberno corporativo. A entidade incorporou prácticas de gobernanza esixidas a sociedades cotizadas. En abril lanzou ao mercado Alpha Responsable, un servizo de xestión de carteiras de fondos de investimento socialmente responsables. Así mesmo participa en proxectos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), en proxectos de enerxías renovables Power Purchase Agreement (PPA) en colaboración con grandes empresas, e noutros proxectos verdes enfocados á renovación da frota pesqueira e de mellora da eficiencia enerxética do sector primario. Ademais, a entidade está renovado as súas sedes corporativas e a súa rede de oficinas para facelas energéticamente intelixentes e implantou políticas de transporte sustentable e de cero papel.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias