El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

A CORUÑA | POLÍTICA

Feijóo renova o compromiso coa cidade da Coruña

29-07-2019 16:45:18
Núñez Feijóo e Inés Rey.

A CORUÑA | O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, renovou hoxe na xuntanza coa alcaldesa da Coruña o compromiso do Goberno galego coa cidade e salientou o obxectivo de impulsar o novo Hospital Público e o novo centro de saúde na zona de Juan Flórez antes de que remate a lexislatura. Neste sentido, agradeceu a dispoñibilidade do Concello de colaborar no desenvolvemento destes dous proxectos, tendo en conta que a cooperación é fundamental para poder levalos a cabo con celeridade.

O titular do Goberno galego salientou no encontro o compromiso en traballar por un novo Hospital Público, totalmente renovado nas instalacións actuais e cunha ampliación mínima do 50% da superficie, ben en terreos limítrofes ou ben nun novo emprazamento. Neste momento, o proxecto atópase en fase de estudo para avaliar a mellor fórmula e está aberto ás achegas do Goberno local.  De feito, o desexo da Xunta –dixo- é facelo de xeito consensuado e coa mellor fórmula que sexa posible. Sobre isto, congratulou o compromiso do Concello en materia de solo e accesos e nas acometidas necesarias en calquera dos plantexamentos que se están a estudar.

No relativo ao novo centro de saúde na zona de Juan Flórez, Feijóo puxo en valor a decisión do Concello de ceder o mercado de Santa Lucía para poder acometer este proxecto, a ubicación que a Xunta consideraba idónea.

Así mesmo, comentou as obras que se están a executar nas urxencias do Materno-Infantil, que xa se atopan na súa fase final grazas a un investimento de 1,3 M€, coa previsión de que estean rematada a finais deste ano.

Ademais, na actualidade estase a elaborar o proxecto da 3ª fase de mellora do Hospital Público (10 M€), que incluirá melloras tan importantes como a reforma do hospital de día e a reasignación de espazos que quedaron baleiros coa 2ª fase para concretar novas prazas de hospitalización e de UCI. A previsión é iniciar estas melloras o próximo ano.

Neste eido sanitario, Feijóo recordou o importante avance dos últimos anos na cidade, coas novas urxencias, que multiplicaron por cinco a superficie anterior; o novo bloque cirúrxico, con 15 novos quirófanos; o novo servicio de radiodiagnóstico; a nova central de esterilización; ou o novo centro de saúde en Novo Mesoiro, actuacións que sumaron máis de 50 M€ de investimento. 

En canto ao ámbito educativo, o presidente da Xunta detallou que o novo colexio de Novo Mesoiro, ao que se destinan 4,5 M€, está en obras desde febreiro e está avanzando a bo ritmo para cumprir o calendario previsto. Esta instalación terá capacidade para 450 alumnos e agárdase que estea disposición para o curso escolar 2020-21. Ademais, estase acometendo desde hai días a reforma integral do IES Eusebio da Guarda (1,31 M€), así como a nova instalación eléctrica no Colexio de Formación Profesional Someso (260.000 M€).

Estes proxectos veñen a continuar o inxente traballo da última década, con obras de calado tan importantes como o novo aulario do CEIP Emilia Pardo Bazán, a ampliación do CEIP Zalaeta ou a rehabilitación integral do CEIP Ramón de la Sagra. En total, as actuación desde 2009 sumaron case 10 M€ de investimento.

Feijóo tamén salientou a vontade de seguir incrementando o acceso dos coruñeses ao servizos públicos. Con esa fin, a Xunta está a traballar para impulsar unha nova residencia de maiores na cidade nesta lexislatura, para así dar praza a 150 maiores. A intención é poder licitala antes de que remate este ano.

O Goberno galego, tal e como subliñou, traballou nos últimos anos para poñer a disposición dos coruñeses unha oferta pública máis ampla de servizos sociais para as familias, con tres novas escolas infantís (Monte Alto, Eirís e Sardiñeira), dous novos centros de día (Monte Alto e Eirís), un 83% máis de prazas para maiores e case un 15% máis de prazas para persoas con discapacidade.

Así mesmo, na cidade están en marcha varios proxectos en materia de vivenda.  Un dos máis importantes, a construción de vivendas de promoción pública no Parque Ofimático, cun orzamento de case 5,5 M€ para 40 inmobles. Así mesmo, grazas á Lei de Rehabilitación, está previsto desenvolver un novo Programa Rexurbe que comezará na zona da Pescadería –a iniciativa consiste en intervencións adquirindo e rehabilitando edificacións completas para conseguir a súa recuperación-.

Tamén neste apartado, o presidente da Xunta agradeceulle á alcaldesa a súa decisión de que o Concello se incorpore ao Programa de Vivendas Baleiras, en aras de prestar un mellor servizo aos cidadáns que teñan máis dificultades para acceder a un inmoble.


A situación de Alcoa 

Durante a xuntanza, Alberto Núñez Feijóo e Inés Rey dedicaron tamén tempo aos asuntos económicos, entre os que a situación de Alcoa ocupou un lugar destacado. Manifestou a postura que vén mantendo a Xunta de que a oferta que hai sobre a mesa é viable porque outorga unha solución a Alcoa e aos traballadores, así como de que, sobre o futuro, hai que ir máis aló do 2021 e garantir estabilidade para a planta. 

O posicionamento do Goberno galego é pedir por activa e por pasiva ao Goberno central que non deixe pasar o tempo, e que se actúe desde xa para garantir un marco normativo que faga máis seguro e competitivo o territorio español para este tipo de industrias, tendo en conta que isto é preciso para Alcoa porque é a única condición que Parter pon sobre a mesa para garantir a totalidade dos empregos máis aló dos dous primeiros anos, pero tamén porque é fundamental para que o resto das empresas electrointensivas dispoñan do prezo eléctrico que precisan para ser competitivas.


Implantación dun Polo industrial do sector TIC 

Ademais deste tema, o titular do Goberno galego tamén trasladou o seu compromiso coa implantación na cidade dun Polo industrial do sector TIC, para dar resposta ás demandas da industria, activar proxectos innovadores e atraer investimento. Un proxecto que tamén apoian o Concello e o Goberno de España, e no que a Xunta vai colaborar para así definir unha actuación xunto co Cluster e os centros de coñecemento, así como posteriormente acompañalos no desenvolvemento das infraestruturas que se precisen para as diferentes iniciativas.

Ao igual que ao resto dos alcaldes, Feijóo recordoulle á rexedora que tamén A Coruña, como o conxunto de Galicia, está chamada a celebrar e organizar o próximo Xacobeo 2021. Así, baseándose na descentralización desta cita para que beneficie a toda a Comunidade, avanzou a intención da Xunta de que a cidade se beneficie de eventos vinculados ao Ano Santo. Baseándose nisto, expresou a intención do Goberno galego de estudar a construción dun novo albergue na Coruña.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias