El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

CONCELLOS | RECICLAXE DE RESIDUOS

Medio Ambiente recorre 80 concellos coa súa campaña "Repara en"

02-08-2019 14:07:36

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de completar a súa campaña itinerante Repara en para fomentar a prevención e reciclaxe dos residuos domésticos, reducir o desperdicio alimentario e aplicar a economía circular na súa xestión. Desde o seu comezo, o pasado 12 de xuño, esta iniciativa percorreu 80 concellos organizando actividades e charlas adaptadas en cada caso ás idades, gustos e intereses das 5.000 persoas que se estima que participaron na mesma.

A última xornada celebrouse esta mañá no campamento de Vilarbó, no concello  de As Pontes de García Rodríguez, e contou coa presenza da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, quen participou no peche da actividade para avaliar o proxecto no seu conxunto.

Os dous obxectivos principais de Repara en, acción cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, pasan por fomentar a correcta xestión dos residuos domésticos e previr o chamado desperdicio alimentario. Nese sentido, deseñáronse seis paneis informativos sobre que facer cos residuos municipais e como promover accións que camiñen cara ao vertido técnico cero. 

Co apoio deste soporte gráfico, nos municipios visitados montouse unha exposición itinerante atendida por varios educadores ambientais que proporcionaban información aos asistentes, ofrecendo nalgúns casos charlas educativas para adultos ou outras accións máis dinámicas para a mocidade.

As actividades adaptáronse, en todo caso, ao perfil dos participantes e aos emprazamentos facilitados polos propios concellos (campamentos, espazos culturais, feiras...). Os principais receptores das accións realizadas no marco de Repara en foron os rapaces e rapazas que participan nos campamentos municipais de verán, cos que se puxeron en práctica dinámicas de grupo para reforzar, a través do xogo, os principios da redución, a reutilización, a separación para a reciclaxe e a economía circular.


Prevención de residuos e do desperdicio alimentario 

Ao longo de todas estas xornadas incidiuse especialmente na prevención dos residuos domésticos, en xeral, e do desperdicio alimentario, en particular. A mensaxe da campaña foi que toda a cidadanía debe priorizar a reutilización dos produtos, reducindo a xeración de residuos e dando unha nova oportunidade aos obxectos usados, aplicando así a nivel doméstico os principios da chamada economía circular, en contraposición ao actual modelo de consumo lineal.

A Consellería de Medio Ambiente defende que o mellor residuo é sempre aquel que non se produce, polo que outra das mensaxes nas que se incidiu entre o público asistente foi a aposta polo consumo responsable, baseado en produtos de tempada e de proximidade, con envases retornables e reutilizables e apostando pola compra a granel e en cantidades axustadas ao que se precisa.

Nesta liña, campañas como Repara en contribúen a poñer en valor a contribución da cidadanía á reutilización e á economía circular a través, por exemplo, dos mercados de segunda man, tanto para produtos como para aparellos eléctricos e electrónicos. Ademais, a separación da materia orgánica a nivel doméstico para a súa reciclaxe é fundamental para cumprir os obxectivos establecidos en materia de xestión dos residuos domésticos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias