El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

CASO ALCOA

Feijóo avanza o ofrecemento a Parter dun plan de formación para a plantilla de Alcoa Coruña e do investimento que esta fábrica precise

06-08-2019 16:13:15

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o ofrecemento a Parter dun plan de formación para a plantilla de Alcoa Coruña e, se a normativa o permite, financiar o investimento que esta fábrica precise. Esta oferta levarase a cabo, incidiu, sempre que o compromiso da empresa sexa o de manter o traballo de toda a plantilla de 330 empregados.

Díxoo despois das reunións que mantivo esta mañá acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, con máximos directivos de Parter e, posteriormente, co comité de empresa da planta coruñesa e cos sindicatos do sector. Durante a súa intervención ante os medios de comunicación, Feijóo destacou que o contrato asinado entre Parter e Alcoa é unha “solución provisional” que a Xunta quere que “se converta en solución definitiva”. Lembrou que o contrato supón un “novo horizonte” co que Parter xestionará a fábrica durante dous anos coa intención de proseguir a súa explotación para rentabilizala.

Feijóo recordou que o Goberno galego colaborou sempre que lle foi solicitado polo Ministerio de Industria, acudindo a todas as reunións ás que foi convocado nos últimos meses e tramitando, executando e concretando as peticións feitas directamente pola ministra. Así mesmo, o presidente da Xunta falou tamén do futuro da industria electrointensiva, que, dixo, pasa pola aprobación dun Estatuto no que se concretarían os prezos para as industrias que utilizan a enerxía como unha fonte clave para a súa produción. Así, asegurou que isto sería bo para Parter, pero tamén para o resto das empresas electrointensivas de Galicia.

“Tanto o directivo de Parter como o comité de empresa coinciden en que este problema non acabou, senón que continua, e por iso temos que seguir traballando para conseguir un Estatuto electrointensivo”, recalcou.Feijóo concluíu recordando que o posicionamento da Xunta é claro: a prioridade son as 330 familias que traballan en Alcoa Coruña, e por extensión, as miles de familias que dependen do futuro Estatuto do prezo da enerxía en Galicia. “A partir de aí, todas as alianzas que sexan necesarias para manter o emprego son alianzas que o Goberno galego quere fortalecer, apoiar e traballar de forma conxunta tanto cos directivos como co comité de empresa”, sentenciou.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias