El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación e a Real Academia Galega das Ciencias abren vías de colaboración

06-08-2019 17:03:57

PONTEVEDRA | A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse esta mañá no Pazo provincial co presidente e a vicepresidenta da Real Academia Galega das Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio e Alicia Estévez Toranzo, co obxectivo de poder abrir vías de colaboración entre as institucións. Neste encontro, que foi unha primeira toma de contacto, a Deputación e a Real Academia iniciaron conversas que se materializarán na posta en marcha de proxectos e accións comúns que transmitan á cidadanía o aprecio pola ciencia, así como descentralizar de Santiago de Compostela as actividades que desenvolve a Academia e podelas levar aos grandes focos de poboación galega, como é o caso da provincia de Pontevedra.

A Presidenta Carmela Silva aplaudiu o motivo da reunión xa que, como lembrou, “desde a Deputación de Pontevedra levamos catro anos liderando, e neste mandato será un obxectivo principal, a promoción da transición ecolóxica xa que estamos convencidas e convencidos de que o noso Planeta está en perigo”. A Presidenta provincial asegurou que “debemos mudar hábitos a través da ciencia porque a xente non quere perder a súa calidade de vida: debemos crear unha nova que será moito mellor porque será respectuosa co medio ambiente”.

Para Carmela Silva, “o feito de levar a cabo accións de divulgación científica, a pé de rúa e pensadas para un público xeral e non especializado, é unha decisión intelixente porque a xente quere saber o que lle está a pasar ao noso Planeta e porque desde as institucións públicas debemos ser quen atraiamos a paixón pola ciencia”. Así, asegurou, “estas actividades permitirán á Deputación de Pontevedra avanzar no seu modelo de administración: nova, que promove o cambio e que conecta coa cidadanía”. 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que a importancia de transmitir o valor da ciencia entre a sociedade tamén reside en que “sen coñecemento e innovación ímolo ter moi difícil para ser unha sociedade digna ou crear emprego de calidade, xa que na ciencia é onde vai residir o novo liderado do mundo”. Do mesmo xeito, “a ciencia constrúe a crítica racional e unha sociedade baseada no coñecemento, con moitas máis garantías de ter un futuro próspero”. 

Carmela Silva tamén sinalou a súa preocupación “polos baixos niveis de vocación científica entre a poboación máis nova, algo que non é entendible cando desde a ciencia é desde onde se vai dar resposta a todas as novas necesidades e demandas que temos todas e todos e as que teremos no futuro” e, especialmente, polas baixas porcentaxes de matriculación de mulleres nas carreiras científicas, tecnolóxicas e enxeñarías, que se sitúa arredor do 25% (coa excepción das matemáticas, onde se sitúa en arredor do 40%) e a ONU prevé que se reducirá aínda máis ata o 15%”. “Isto acontece así”, valorou a Presidenta, “porque non se orienta ás mulleres cara a estes campos, senón cara a outros como poden ser os coidados”. 

A Real Academia Galega das Ciencias naceu en 1977 co obxectivo de promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e valores científicos, creando opinión desde a independencia, para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias