El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

VILAGARCÍA DE AROUSA

O "Atlantic Fest" xerá un impacto económico de 1,7 millóns na comarca de Arousa

07-08-2019 17:18:58

O estudo de avaliación do impacto do Atlantic Fest cifra en 1,7 millóns de euros o retorno económico do festival en toda a comarca de Arousa, segundo os datos que foron presentados hoxe polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. A Consellería de Cultura e Turismo está a impulsar a elaboración destes informes socioeconómicos nos eventos patrocinados pola Xunta baixo a marca FEST Galicia, que botou a andar o pasado verán co obxectivo de promover a nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.

Como explicou Jacobo Sutil, da realización destes estudos encárgase o Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio do Goberno galego. No caso do Atlantic Fest, que celebrou a súa cuarta edición na Illa de Arousa do 26 ao 28 de xullo, os resultados foron obtidos a partir de 1393 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival. A súa codirectora, Susana Laya, interveu tamén na presentación, que tivo lugar este mediodía no Instituto Teconolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), xunto aos codirectores destes traballos: Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Fran Núñez, autor así mesmo da súa metodoloxía orixinal.


Motor cultural, económico e turístico 


Para o responsable da Agadic, o estudo arroxa datos moi útiles para difundir o valor dos festivais de música como motores culturais, económicos e turísticos das súas comarcas. Entre eles, a contabilización de máis de 9000 visitas (unhas 5300 persoas diferentes) nesta cuarta edición, das que un 18% procedían de fóra de Galicia, cun gasto medio por persoa e día estímase en 80 euros, sen incluír transporte. 

Detallou tamén que o retorno do impacto económico se sitúa en 3,6 euros por cada euro investido polo festival, subliñando que esta contía se incrementa notablemente ao analizar a optimización do investimento público por parte da organización do evento. Neste caso, as marxes sitúanse entre 32,1 e 37,3 euros por cada euro dos preto de 27.000 adxudicados ao Atlantic a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de música.

Entre outros datos salientables, detívose ademais na valoración do público, que puntúa esta cuarta edición cun 7,6 sobre 10, e en concreto, outorga notas por riba dos oito puntos a cuestións como a localización e integración na contorna, o trato do persoal, a sensación de seguridade ou o sistema de compra de entradas. Estas elevadas puntuacións esténdense do mesmo xeito  aos intanxibles e ao impacto social: permite coñecer novos grupos de música (8,80) e ver en directo propostas musicais de calidade (8,83), xera un ambiente positivo (8,48), mellora o coñecemento da localidade (8,87) e a súa imaxe (8,33), xera impacto económico (8,77), atrae turismo (8,38) e favorece o orgullo local (8,16). 


Perfil de asistente

Ao referirse ao perfil de asistente máis común (muller, galega, de entre 35 e 44 anos, con estudos universitarios, traballadora por conta allea e que acude en grupo de cinco o máis persoas), Sutil incidiu en que o Atlantic Fest se revela como motor turístico para a comarca, xa que “os asistentes actuais funcionan como prescritores de futuro tanto do festival como dos atractivos da súa contorna”. 

Na presentación de hoxe, explicouse así mesmo o sistema de medición empregado: Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado pola Agadic. Grazas a el, os primeiros resultados do informe poden extraerse cunha gran rapidez, que porén non menoscaba a súa minuciosidade e rigorosidade académica. 

Como no resto dos festivais estudados, o grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado á Illa de Arousa, onde a marca contou cun stand propio desde o que se difundiron  campañas de concienciación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións. A súa implicación directa dá conta do carácter transversal desta iniciativa, a través da que este ano se patrocinan 12 festivais de toda Galicia. Neste caso, deuse soporte, ademais, ao escenario principal FEST Galicia-Xacobeo 2021 e mais ás pulseiras cashless que se empregaron para acceder ao recinto e como medio de pago. 

O informe do Atlantic Fest enmárcase na segunda quenda de estudos de impacto ao abeiro de FEST Galicia, que en 2018 recolleu datos do Sinsal, PortAmérica, Revenidas, SonRías Baixas e Resurrection. Este verán súmanse tamén o Vive Nigrán, presentado a semana pasada, 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz, WOS Festival e Caudal Fest.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias