A secretaria xeral da Igualdade, Susana
López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa o balance dos datos das
axudas, servizos e recursos que o Goberno galego puxo a disposición das
vítimas de violencia de xénero durante o primeiro semestre de 2019. Na
primeira metade de ano houbo que lamentar o asasinato por violencia
machista dunha muller no concello de Valga. Ademais, o mes pasado tamén
foi asasinada en Vilalba outra muller por parte da súa exparella.
Na
primeira metade do ano, a Xunta concedeu axudas económicas a 398
mulleres vítimas de violencia de xénero -isto é, 105 máis que no
primeiro semestre de 2018-, a través das distintas liñas que ten
habilitadas: axudas anuais con pagamentos mensuais; axudas anuais de
pagamento único; e expedientes de concesión de indemnizacións. En
concreto, 318 recibiron axudas periódicas (15 eran vítimas de trata), 77
axudas de pagamento único, e 1 indemnización.
Cómpre lembrar
que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en dispoñer dunha axuda
económica periódica e a única que a ten operativa de maneira
ininterrompida ao longo de todo o ano, incluíndo ademais como
beneficiarias dela ás vítimas de trata de seres humanos con fins de
explotación sexual. En 2019 incorporáronse tamén como beneficiarias ás
mulleres vítimas da violencia vicaria -cando a exparella asasina ao
fillo-, pero non se rexistraron casos no que vai de ano en Galicia.
Ademais,
en 2019 instaurouse por primeira vez unha liña de axudas económicas
para menores de 30 anos, orfos por causa da violencia de xénero e outra
para mulleres gravemente feridas que requiran de hospitalización. Houbo
un beneficiario en cada unha das liñas. En ambos casos, a indemnización
ascende a 7.000 euros, ademais de prestarlles o apoio psicolóxico e
social que precisen. De feito, Galicia foi pioneira na posta en marcha
dun programa de acompañamento de menores orfos.
A maiores das
axudas económicas, a Xunta tamén pon a disposición das vítimas outros
recursos, como o programa de atención psicolóxica que desenvolve en
colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que está
dirixido a mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos menores
ou persoas dependentes ao seu cargo. Grazas a esta iniciativa,
prestouse atención a 656 persoas durante o primeiro semestre (mulleres,
menores e persoas dependentes), 140 máis que no mesmo período do ano
anterior.
Existe tamén outro recurso en colaboración co Colexio
Oficial de Psicoloxía, neste caso orientado a homes con problemas de
control de violencia no ámbito da parella e da familia: o programa
‘Abramos o círculo’. Ao abeiro desta iniciativa, téñense beneficiado un
total de 78 homes durante estes seis primeiros meses, 16 máis que nos
primeiros seis meses de 2018.
Estadías de tempo libre e acollemento
Outra
iniciativa tamén importante para a calidade de vida destas mulleres é o
programa de estadías de tempo libre, que lles permite contar cun espazo
e un tempo de ocio, fóra da súa situación habitual. O programa
desenvolveuse durante unha semana no mes de xuño nunha localidade
costeira de España, e nel participaron 37 mulleres e 53 menores (fillos e
fillas). Estiveron acompañados por un equipo de profesionais
especializados en tempo libre e igualdade.
No ámbito de recursos
dispoñibles para axudar ás vítimas a saír da súa situación, López Abella
puxo en valor o programa de inserción laboral. Entre setembro de 2018 e
xuño de 2019 participaron no programa 312 mulleres, conseguindo
mellorar todas elas a súa empregabilidade e acadando a inserción laboral
dun total de 98.
Ademais das axudas económicas, o apoio
psicolóxico ou o impulso da inserción laboral, Galicia conta tamén cunha
Rede de acollemento composta por 5 centros de acollida (A Coruña,
Ferrol, Ourense, Lugo e Culleredo) e o Centro de Emerxencia de Vigo.
Durante estes seis meses, acolleron temporalmente a 164 persoas, a mesma
cifra que no ano anterior. Pola súa banda, o Centro de Recuperación
Integral de Santiago de Compostela atendeu a 8 persoas na primeira
metade do ano. Este Centro, aberto a mediados de 2014, actúa como
coordinador para o acceso a Rede galega de acollemento.
Este ano
ademais púxose en marcha por primeira vez en Burela unha vivenda de
acollida específica e especializada destinada a mulleres vítimas da
violencia de xénero que padecen algunha enfermidade mental.
Xa
para rematar o percorrido polos principais recursos ofertados polo
Goberno galego, López Abella indicou que o teléfono de información ás
mulleres (900400273), conveniado co 016, recibiu no primeiro semestre
máis de 1.300 chamadas, o que supón un descenso de ao redor de 300
consultas con respecto ao ano anterior. A maioría delas solicitaron
atención psicolóxica (59%). Os seguintes temas de consulta, pero xa con
moita diferenza, foron: orientación sobre recursos (19%) ou información
na área xurídica (10,%). Ademais, recibíronse un total de 31 consultas a través do servizo de asesoramento xurídico en liña.
A
Xunta tamén conta cun servizo de teletradución, para facilitar que
todas as mulleres poidan acceder a axuda e aos recursos que teñen á súa
disposición. Este servizo, que está dispoñible en 51 idiomas distintos
en 61 Centros de Información á Muller (CIM), no Centro de Recuperación
Integral da Muller, en 11 ONGs e en todos os centros de acollida, usouse
no primeiro semestre durante un total de 533 minutos, fronte aos 321
minutos do pasado ano. A maioría das peticións foron para árabe, seguido
de romanés, sirio, inglés e urdu.
A Administración autonómica
tamén vén poñendo en marcha nos últimos anos recursos para as vítimas de
violencia sexual, que en Galicia é considerada desde 2007 unha
manifestación máis da violencia de xénero. O ano pasado habilitouse por
vez primeira un programa específico para apoio a estas vítimas, que se
iniciou de xeito piloto na provincia da Coruña e que este ano se
estendeu ás catro provincias. A iniciativa, que se desenvolve en
colaboración coa Fundación Meniños, atendeu a 28 mulleres no primeiro
semestre.
Por último, a secretaria xeral fixo mención aos
programas novidosos que comezaron este ano, como o Programa integral de
apoio a menores orfos; a quenda social de garda e a psicolóxica; o
programa de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de
xénero, que permitirá contratar de xeito inmediato a 40 mulleres; ou o
bono alugueiro social para facilitarlles un acceso á vivenda.
Denuncias e medidas de protección
Na
comparecencia de prensa, a secretaria xeral da Igualdade informou tamén
do número de denuncias presentadas durante o primeiro trimestre de
2018, de acordo cos últimos datos facilitados polo Consello Xeral do
Poder Xudicial. Durante eses tres meses, presentáronse 1.736 denuncias, a
gran maioría delas na provincia da Coruña e Pontevedra. No mesmo
período do ano pasado, o número de denuncias foi de 1.254.
Na
primeira metade do ano os xulgados comunicaron un total de 764 medidas
de protección. Ademais, un total de 578 mulleres contaron con protección
móbil e 45 agresores tiveron un sistema telemático para cumprir a orde
de afastamento. Para rematar, López Abella recordou que desde 2013
o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular
por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa
de violencia de xénero. Desde entón, son 16 os procedementos nos que se
personou.