A Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional vén de publicar a convocatoria de bolsas
destinadas ao alumnado das universidades do Sistema Universitario de
Galicia (SUG) que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2019/20.
O
orzamento da convocatoria ascende a 238.000 euros, a mesma contía ca o
ano anterior. A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria
será dun máximo de 1700 euros, polo que poderán acceder a estas axudas
ata 140 estudantes que ao longo do curso 2019/20 participen en programas
de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa
"Erasmus+", relacionados cos estudos que está a cursar. Co fin de
premiar o esforzo e a excelencia, o expediente académico será o único
criterio para a concesión da axuda.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta
de Galicia. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera
dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede
electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. Os requerimentos e prazos poden consultarse na convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O
obxecto do programa, que se puxo en marcha por primeira vez no curso
2011-12, é favorecer a mobilidade internacional do alumnado, un
importante factor de estímulo que leva consigo unha maior riqueza e a
apertura a unha formación de máis calidade. Así mesmo, permite ao
alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil
nunha institución diferente á súa, integrándose nunha comunidade
internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos
profesionais e lingüísticos, así como a súa cualificación.