O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica
hoxe a orde pola que se concede a Medalla Emilia Pardo Bazán á
presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero,
María Ángeles Carmona Vergara, a Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e á
Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam).
No DOG
tamén se publica hoxe a orde que desenvolve o decreto de creación deste
recoñecemento, e que inclúe as características que terán a medalla
cando se outorgue a título individual e, a placa, cando se outorgue a
colectivos ou institucións. É o primeiro ano que se conceden estas
medallas, que teñen como obxectivo recoñecer publicamente o traballo e
contribución de persoas e institucións a favor da igualdade entre
mulleres e homes en Galicia. Entregaranse os 16 de setembro, en
conmemoración do nacemento da escritora galega.
As medallas levan o
nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas
acerca dos dereitos das mulleres e o feminismo; reivindicar a educación e
instrución das mulleres como algo fundamental; e incorporar en todas as
súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das
mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa
época.
Comisión de valoración
As medallas concedéronse
logo da resolución dunha comisión de valoración, formada por
representantes da Xunta, das asociacións e federacións de mulleres e da
Casa Museo Emilia Pardo Bazán. A comisión valorou as candidaturas
presentadas, que podían ser remitidas directamente por calquera persoa
física ou xurídica.
Adicam é unha entidade situada na zona do
Morrazo, que se ten convertido nun referente autonómico no apoio a
pacientes con cancro de mama. Neste ámbito, organiza cada ano diversas
actividades con repercusión social, ademais de outras iniciativas de
apoio destinadas a este colectivo de mulleres.
Ángeles Carmona ten
unha ampla traxectoria no ámbito da loita contra a violencia machista.
En 2009 foi destinada ao Xulgado de Violencia sobre a Muller número 3 de
Sevilla e en 2012 pasou a desempeñar o cargo de Xefa da Unidade de
Coordinación Territorial da Violencia de Xénero da Delegación do Goberno
en Andalucía. Desde 2014 é a Presidenta do Observatorio contra a
Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial,
instrumento de análise e actuación que promove medidas destinadas a
erradicar a violencia de xénero. Ten colaborado activamente en distintas
xornadas e campañas organizadas en Galicia de prevención e loita contra
a violencia machista.
Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) puxo en marcha en 2013 a iniciativa Mulleres de Seu,
que naceu co principal obxectivo de fomentar a igualdade entre homes e
mulleres no rural. Esta iniciativa desenvólvese a través dun intenso
programa de accións para impulsar o desenvolvemento profesional e o
liderado das mulleres, buscando equiparalo ao dos homes, dignificando
así o seu papel no ámbito rural. A través de accións formativas,
encontros e xornadas de traballo, Mulleres de Seu favoreceu a integración das mulleres na Cooperativa así como a súa participación nos órganos de goberno, a prol da igualdade.