Os hoteis galegos pecharon o mes de
xullo recibindo máis viaxeiros, rexistrando un salientable incremento no
número de pernoitas e cunha mellora nos indicadores de calidade. Así o
reflicten os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados
hoxe referentes á ocupación nos hoteis e pensións da Comunidade que se
completarán a semana que vén coas cifras da oferta extrahoteleira.
Segundo
estes datos, o sector hoteleiro galego recibiu un 7,6% máis de
viaxeiros en xullo, fronte ao incremento do 3,3% a nivel estatal, o que
sitúa a Galicia como a segunda Comunidade que experimentou unha maior
suba. Deste xeito, superouse a cifra de 540.000 visitantes debido, en
boa parte, ao forte impulso do turismo internacional, que rexistrou un
alza do 12,2%, mentres que o nacional creceu un 7,5%.
Así pois, a
chegada de visitantes nacionais e internacionais acada neste 2019 a
segunda cifra máis elevada da serie histórica no mes de xullo grazas, en
boa medida, á aposta da Xunta de promocionar o destino Galicia fóra das
nosas fronteiras, en feiras nacionais e internacionais. Con todo,
os hoteis galegos non só recibiron un maior número de visitantes en
xullo, senón que estes realizaron un maior número de noites. A demanda
hoteleira experimentou un crecemento do 6,7% fronte o 1,1% do resto do
Estado, e superou os 1,2 millóns de pernoitas, acadando a segunda cifra
máis elevada da serie histórica. Así mesmo, a ocupación experimentou un
alza de preto do 3% fronte o 0,13% a nivel estatal.
Oferta consolidada e de calidade
Malia
a inestabilidade meteorolóxica rexistrada ao longo do mes e xullo, os
datos do INE confirman que Galicia é un destino cunha oferta consolidada
á marxe da meteoroloxía ao situarse como a segunda Comunidade que
rexistrou un maior incremento tanto no número de viaxeiros como no
referente á demanda hoteleira. Trátase dunhas cifras que confirman o
impulso do Goberno galego a un turismo de calidade e vencellado ás
particularidades de cada territorio, capaz de atraer viaxeiros durante
todo o ano e a todos os puntos da xeografía galega.
A aposta pola
profesionalización e a mellora da competitividade dos establecementos
hoteleiros galegos reflíctese na mellora tanto da rendibilidade como das
tarifas. En concreto, a rendibilidade mellorou un 7,3% acadando a cifra
máis elevada da década mentres que as tarifas experimentaron unha suba
do 2,4%.
Lugo lidera o crecemento
No que respecta aos
datos por provincias, todas rexistran un comportamento positivo e
homoxéneo da demanda hoteleira. En canto ao volume de noites, Lugo é a
provincia que rexistrou un maior crecemento, un 14,2%; seguida de
Pontevedra, cun 6,5%; Ourense, cun 5,7%, e A Coruña, cun 5,1%, uns
incrementos parellos á cifra de viaxeiros aloxados. As cifras amosan a
aposta pola descentralización do turismo que vén realizando a Xunta de
Galicia, favorecendo a chegada de turistas ás catro provincias durante
os doce meses do ano.
En termos absolutos, Pontevedra é a
provincia que absorbe o maior volume de demanda no conxunto da
Comunidade grazas aos bos datos rexistrados nos destinos do litoral.
Séguena A Coruña, Lugo e Ourense.