El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA

A asesoría Xurídica da Xunta conclúe que o Goberno debe cumprir o sistema de financiamento autonómico

02-09-2019 15:06:01

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentaron hoxe un informe encargado á Asesoría Xurídica da Xunta, para aclarar se o Goberno central, pese a estar en funcións, ten que cumprir coas súas obrigas co financiamento autonómico e facer efectivas ás entregas a conta deste ano.

Alfonso Rueda avanzou que a conclusión do informe dos avogados da Xunta é clara e sinala que o sistema de financiamento autonómico “debe ser cumprido polo Goberno estatal con independencia de que estea ou non en funcións”. O vicepresidente da Xunta aclarou que o Goberno galego actuou neste caso “con transparencia, rigor e seriedade” sen tirar conclusións antes de ter e coñecer o informe. Nesta liña, destacou que é desta maneira como deben actuar as administracións, sobre todo cando se trata dun asunto tan importante como a entrega de 700 millóns de euros que corresponden a Galicia por parte do Goberno, unha contía que é “imprescindible” para manter o nivel de servizos públicos na comunidade.

Ao mesmo tempo, o conselleiro de Facenda destacou que Galicia afronta unha situación “inédita, urxente e sen precedentes” por mor dos impagos do Goberno. “A Galicia se lle deben 700 millóns de euros e o único que pedimos é o que é noso”, sinalou Valeriano Martínez, que insistiu en que se trata de recursos “que teñen que ser transferidos si ou si, non hai outra alternativa”.

Neste sentido, o titular de Facenda lembrou que a Xunta de Galicia xa puxo de manifesto este problema hai máis dun ano e que o Ministerio de Facenda comprometeuse a solucionalo. Tamén recordou que en xullo enviou unha carta á ministra urxíndolle unha solución a estes impagos, sen que o Goberno galego teña recibido resposta.

Ademais, incidiu na necesidade de que o Ministerio de Facenda convoque xa unha reunión urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira, por ser este o órgano multilateral no que están presentes todas as comunidades autónomas. Valeriano Martínez advertiu de que este consello leva máis dun ano sen reunirse, e que Galicia –xunto a outras CC.AA- pediu a pasada semana a súa convocatoria, sen que se teña recibido resposta.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias