El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

Feijóo anuncia graos abertos a partir do curso 20-21

06-09-2019 16:53:08
Núñez Feijóo, presidente de la Xunta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe graos abertos a partir do curso 20-21, nos que os alumnos poderán elixir durante ano e medio materias de varias carreiras antes de decidirse definitivamente por unha delas. Durante o acto de apertura oficial do curso académico universitario de Galicia 2019/2020 na USC, Feijóo salientou que a Comunidade galega será a terceira en implantar os graos abertos e explicou que na experiencia piloto, que se realizará no curso 2020-2021, o número de prazas ofertadas será dun máximo de 25 para cada grao aberto, sendo 5 o número máximo de graos do programa e contando coa correspondente subvención.

Diante dunhas cifras que reflicten que o 20% dos universitarios abandona os estudos no primeiro curso e que un total de 1.200 mudan de carreira nos dous primeiros cursos do seu grao, o titular do Executivo autonómico aseverou que a resposta non pode ser outra que a flexibilidade e incidiu na aposta de Galicia por un modelo universitario en constante evolución.


Nesta mesma liña, e en relación co obxectivo marcado pola Comisión Europea na súa Estratexia de universidades do pasado 2015, o presidente da Xunta subliñou que Galicia adiantouse e, dous anos antes, inicia o Programa de especialización dos campus, garantindo o seu financiamento. “O Sistema Universitario Galego ten despregado oito Campus de especialización e, agora, iniciarase o proceso da súa acreditación formal, algo no que Galicia será novamente pioneira”, dixo, lembrando tamén que este mesmo mes publicarase a nova convocatoria de axudas aos Centros avanzados de investigación, unha resposta ás novas demandas da formación universitaria e que contan con financiamento desde 2008.


Así mesmo, resaltou que esa evolución do modelo universitario galego ten un novo fito co Proxecto Galicia 2030, destinado á elaboración dun catálogo de perfís profesionais de futuro, e a conseguinte definición de novas titulacións. Ultimada a primeira fase, o documento recolle 30 perfís profesionais de carácter transversal e sectorial.


“En marzo de 2017 establecéronse os principios reitores da oferta académica ata o 2021; en outubro dese mesmo ano detallábase o acordo coa entrada progresiva de 14 novos títulos de grao, incorporándose no curso 2018-2019 5 títulos de grao; e, no que hoxe inauguramos farano 5 máis”, precisou, no tocante á racionalización de títulos universitarios.


Ao longo da súa intervención, e a modo de balance desta última década, Feijóo referiuse aos dous plans de financiamento que blindaron o orzamento das partidas universitarias, pasando da perspectiva anual xeradora de tensións e incertezas a un horizonte de cinco anos. “Mentres que Galicia aínda non recuperou en 2019 o nivel orzamentario de 2009, a universidade galega acadou un teito histórico cos 433 millóns de euros de transferencias directas de acordo co plan vixente”, abundou, precisando que, entre outras cousas, iso equivale en materia de investigación a 500 contratos activos de investigadores, 214 grupos de investigación, 70 investigadores de programas externos, e 14 centros singulares de investigación e agrupacións estratéxicas.


O responsable do Goberno galego concluíu sostendo que “para seguir dando pasos adiante debemos manter o consenso que nos últimos anos presidiu a relación das universidades galegas en eidos tan relevantes como o mapa de titulacións, que atende tamén ás demandas do tecido produtivo; o Plan de excelencia universitaria, que premia o esforzo; ou o Plan de financiamento 2016-2020, que ofrece un marco estable de xestión”.


Feijóo aproveitou a inauguración do curso universitario para reivindicar un europeísmo que sofre hoxe un cerco por parte de intereses regresivos e trasladar a convicción de que as universidades teñen nestes días un valor que se engade á investigación e á docencia. “Hai valores do mundo universitario que serven de referencia ao conxunto da sociedade, como o sentimento de colectividade, a tolerancia e a busca de verdades nas diferentes áreas de coñecemento”, afirmou, incidindo en que se as universidades determinaron o destino de Europa, agora, volven a ter un papel protagonista no camiño que transita o europeísmo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias