VIGO | O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, animou hoxe, durante o acto inaugural de Mindtech 2019,
ao tecido industrial galego a seguir apostando pola innovación e
aseverou que nese camiño a industria galega conta co compromiso
inequívoco da Xunta. Un compromiso, dixo, reflectido na Axenda Industria
4.0, “coa que buscamos a mobilización de 900 millóns de euros e a
creación de 13.500 empregos na Comunidade nos próximos catro anos”,
explicou, recordando tamén, a modo de exemplo, que a posta en marcha da
Axenda 4.0 en 2014 axudou a preto de 9.000 empresas e creou 19.300 novos
empregos industriais.
Así mesmo, e no eido da formación, destacou
os plans específicos que, desde a Administración autonómica, se están a
desenvolver para a industria naval, forestal e a automoción e que están
a permitir formar, desde 2017 a máis de 8.600 persoas. “A nosa
posición como axentes claves debe ser a de facultar ás industrias cun
corpus administrativo que subliñe as necesidades inmediatas, tenda
pontes para o crecemento e ofreza solucións unívocas para a consecución
dos seus obxectivos”, abundou.
Feijóo avogou por redobrar os
esforzos para implementar a formación e especialización dos
traballadores, para que esta se axuste constantemente ás necesidades que
marca a Industria 4.0. E lembrou que a automatización e a robotización
comezan a ser parte xa da gran industria nacional, ata o punto de que,
nos próximos anos, suporán a creación de ata dous millóns de empregos
novos.
Logo de referirse a Mindtech como unha exhibición de
potencia creativa, de resolución tecnolóxica e de oportunidade económica
e comercial, Feijóo concluíu aseverando que “hoxe Galicia é innovación
cando falamos dos sectores máis tradicionais da nosa economía, como
poden ser a automoción, o naval ou o sector agroalimentario; e, tamén,
cando falamos dos ámbitos emerxentes, como o biotecnolóxico, o
aeronáutico ou o sanitario”.
Ao respecto, destacou exemplos como: o
primeiro coche autónomo do mundo, resultado do traballo conxunto do CTAG
e PSA, e que iniciou o seu percorrido en Vigo; a construción de barcos
na que Galicia é un referente, con máis da metade dos contratos do naval
de España; ou o traballo do Polo aeroespacial de Rozas.