A Comunidade Autónoma de Galicia pechou o
primeiro semestre de 2019 cun déficit do 0,59%, un dato por debaixo da
media autonómica, que foi do 0,63%, segundo recollen os últimos datos
publicados hoxe polo Ministerio de Facenda, correspondentes ao mes de
xuño.
En concreto, Galicia rexistrou no peche do mes de xuño un
déficit de 387 millóns de euros, mentres que o déficit rexistrado polo
conxunto das administracións autonómicas situouse en 7.938 millóns.
Todas as comunidades autónomas de réxime común rexistraron déficit ao
peche do primerio semestre, e Galicia é a sexta comunidade –a sétima
incluíndo as forais- con menor déficit contable.
Neste dato
repercuten negativamente medidas adoptadas polo Goberno central que
teñen afectación directa sobre as finanzas autonómicas, tanto no eido do
gasto como na retención de ingresos. En particular, a Comunidade
Autónoma de Galicia –e o resto de comunidades de réxime común- continúa a
día de hoxe sen ingresar as entregas a conta actualizadas ao exercicio
2019 e a liquidación completa do IVE de 2017, ingresos incluídos no
Orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, en vigor desde o 1
de xaneiro.
En todo caso, Galicia mantén o seu compromiso de
cumprir os obxectivos de estabilidade orzamentaria neste exercicio 2019,
toda vez que non contempla outra alternativa que percibir os ingresos
procedentes do sistema de financiamento autonómico incluídos nos
Orzamentos en vigor.
De feito, Galicia é unha das comunidades
autónomas de referencia no cumprimento destes obxectivos de estabilidade
orzamentaria e así o ratifican as cifras oficiais do Ministerio de
Facenda, que mostran que Galicia volveu estar en 2018 entre as
comunidades que conseguiron cumprir os obxectivos de déficit, débeda
pública e regra de gasto, ao tempo que foi a comunidade que mellor pagou
aos seus provedores.