El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación súmase a un novo berro pola igualdade coa exposición "Sempre marzo"

12-09-2019 15:00:58

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director da editorial A Xanela, Xosé Manuel Calviño, destaparon hoxe “a caixa de sonos” que, en palabras de Silva, constitúe o libro “Sempre Marzo”, unha obra xoia que é o hilo condutor da exposición que co mesmo título inaugurarase o vindeiro día 19 de setembro no hall do Pazo Provincial, no que permanecerá ata o 7 de novembro. 

A loita das mulleres pola igualdade, desde o pasado século en Chicago, ata as manifestacións e folgas dos últimos anos, pasando polas catro olas feministas, están detrás, como subliñou Silva, deste volume colectivo. Unha loita que continuará, como engadiu, “ata que algún día non teñamos que facer un 8 de marzo reivindicativo, en todo caso teñamos que facer un 8 de marzo de ledicia porque teñamos acadado a igualdade”. 

A exposición reúne unha selección das obras que os 33 artistas participantes no proxecto plasmaron no libro, coordinado por Yolanda Castaño, “unha das poetas máis potentes do mundo”. Trátase de 21 creadores e creadoras (17 mulleres e 4 homes) e 12 poetisas que conforman, como subliñou a presidenta, “o mellor da cultura galega, que vive unha nova primavera”. Todas as obras de “Sempre Marzo” foron realizadas ex profeso para este traballo e Carmela Silva destacou que o lema é “para que xa nunca máis deba ser 8 de marzo debe ser 8 de marzo cada día de cada mes“.

Neste senso, a presidenta citou as palabras de Yolanda Castaño no limiar do libro, ao afirmar que pretende “que nunca se enfríen as brasas da páxina” escrita polo feminismo. “Ata que a última agresión se borre _leu Silva-, a última suspicacia se difumine, e unha horizontalidade ampla e clara coma un papel nos harmonice, no noso almanaque ha de ser marzo cada mes”.  A presidenta da Deputación subliñou que o libro é  o seu formato son “unha obra de arte en si” e felicitou á editorial polo seu compromiso coa cultura galega e coa visibilización das mulleres e o feminismo. “Nós temos o compromiso de que esta exposición acade a popularidade que cousas que son xoias deben acadar”, sinalou. 

A exposición inaugurarase o 19 de setembro, ás 20.30 horas, cun recital poético a cargo de María Xosé Queizán, Yolanda Castaño e Miriam Ferradáns, que participan na obra cos seus poemas. Ademais das 32 obras artísticas e 12 poéticas manuscritas (de entre os 72 poemas que se inclúen no libro) que se amosarán, incluirase tamén a exposición do propio libro, que se presenta nun estoxo de madeira, o cadro co limiar  e o abecedario deseñado por Elhaba Carballo, cuxas letras en capitular inician cada dun dos poemas.

As propostas artísticas que inclúe “Sempre Marzo” pertencen a 21 creadoras e creadores: Ángeles Jorreto, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, Isabel Pintado, José María Barreiro, Leandro Lamas, Lucía López, María Xosé Leira, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Ramón Astray, Rut Martínez, Sabela Arias Castro, Sabela Baña, Soledad Penalta (coa reprodución da súa escultura), Vanessa Lodeiro, Viki Rivadulla e Xosé Vizoso. En canto aos poemas, son das doce autoras María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, María Lado, Miriam Ferradáns, Rosalía Fernández Rial.  No libro, cada poema iníciase cunha capitular do abecedario creado pola artista Elhaba Carballo. 


As armas da palabra e a arte  

O director de A Xanela, Xosé Manuel Calviño, destacou pola súa banda que o libro, do que se editaron 155 exemplares, “é un berro pola igualdade”. “Queremos reivindicar coas armas da palabra e o arte, dunha maneira amable, pero contundente, a igualdade de xénero”, manifestou.  Máis polo miúdo, destacou que as poetas presentan no libro seis poemas cada unha e, os e as artistas, dous cadros cada un. Destas últimas obras, fixeron doce especialmente para serigrafiar, que figuran nunha carpeta no estoxo do libro, numeradas e asinadas. Tamén hai un epígrafe no libro dedicado ao 8 de marzo, con obras de oito artistas.

Calviño agradeceu a implicación da Deputación e de Carmela Silva neste proxecto, no que están implicadas tamén empresas de Pontevedra tanto no deseño como maquetación. “Queremos chegar as emocións –dixo- porque son as que de verdade sellan as razóns. A igualdade temos que levala a ese terreo e convertela nunha realidade”. E, neste senso, subliñou que “os homes temos unha débeda histórica coas mulleres que temos que saldar”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias