El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | FACENDA

O Ministerio de Facenda confírmalle á Xunta que non vai pagar máis da metade da débeda de 700 millóns

16-09-2019 18:20:17

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia recibiu unha carta do Ministerio de Facenda na que se confirma que o Goberno central non vai pagar máis da metade da débeda que mantén coas comunidades autónomas, e que no caso concreto de Galicia ascende a uns 700 millóns de euros, 530 dos cales están incluídos nos Orzamentos para 2019.

Nunha rolda de prensa, o titular de Facenda explicou que esta é a primeira vez que neste 2019 o Goberno central se dirixe á Comunidade Autónoma para explicar a situación dos impagos que mantén con Galicia polo bloqueo dos ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, unha situación que non ten precedentes e que afecta directamente a todas as comunidades de réxime común. 

Na carta, o Ministerio de Facenda sinala que non ten previsto pagar os 170 millóns de euros de incentivos, que a Galicia lle corresponden polo cumprimento dos obxectivos fiscais dos anos 2017 e 2018, por estar o Goberno en funcións, e tamén indica que o Goberno central tampouco vai pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE, cartos que o Goberno xa ten en caixa pero que se nega a transferir. Esta negativa que o Ministerio de Facenda está a comunicar formalmente a Galicia ten unha afectación global ao resto de comunidades autónomas, o que implica que o Goberno vai seguir retendo uns 2.500 millóns de euros. 

En canto á transferencia das cantidades xa actualizadas das entregas a conta para 2019 –uns recursos que foron comunicados polo Goberno a Galicia en xullo de 2018-, o Ministerio de Facenda tampouco garante o pago deses 330 millóns de euros e agora limítase a sinalar que está "estudando alternativas". Neste sentido, o Goberno afirma que este bloqueo é consecuencia do rexeitamento polas Cortes do proxecto de Lei de Orzamentos para 2019, un feito que se produciu o pasado mes de febreiro, é dicir, hai máis de sete meses.  


Non ao Consello de Política Fiscal 

Ao mesmo tempo, o Ministerio de Facenda tamén confirma a súa negativa a convocar de xeito urxente o Consello de Política Fiscal e Financeira, pese ás solicitudes realizadas por varias comunidades autónomas, Galicia entre elas. Na carta, o Ministerio di que “non parece procedente” realizar esta convocatoria estando en funcións, pese a que este órgano coordinador leva máis dun ano sen reunirse, e pese a que o propio Goberno tamén recoñece que prevé convocalo antes de que remate o ano, porque así o obriga o regulamento do Consello.  


Diálogo e non chantaxe 

Na súa intervención, Valeriano Martínez advertiu de que o Goberno “ten a obriga de dialogar, non de chantaxear”. “Xa estamos a mediados de setembro e xa pasou o tempo das escusas”, indicou o conselleiro, que avanzou que a Xunta de Galicia “vai seguir reclamando os cartos que se nos adebedan, porque así nolo pediu o Parlamento e porque son cartos que lexitimamente nos corresponden”.

“Que os galegos teñan a tranquilidade de que a Xunta de Galicia non se vai render, e coa máxima serenidade e a máxima lealdade continuaremos traballando para que o Goberno remate con este bloqueo”, concluíu o titular de Facenda.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias