El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | ARXENTINA

Feijóo ofrece "colaboración mutua" entre Galicia e Arxentina en ordenación e control pesqueiro

16-09-2019 18:34:59

ARXENTINA | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe a disposición a unha colaboración mutua Arxentina-Galicia para avanzar na xestión e ordenación pesqueira, ademais da investigación e control; na formación e capacitación das tripulacións e na loxística portuaria. “Ofrecemos colaboración en aquelas cuestións onde ambas partes podemos aprender e sacar partido, especialmente”, dixo, trasladando o convencemento de que esta colaboración mutua poida dar froitos e ter continuidade, “polo ben das industrias pesqueiras aquí, que son as nosas industrias pesqueiras; polo ben dos traballadores e polo ben dun sector básico para Galicia como é o pesqueiro”.

Feijóo, que visitou hoxe as instalacións da pesqueira Estrella Patagónica e da pesqueira Iberconsa de Argentina e viaxou a Rawson, para reunirse co gobernador da provincia de Chubut, Mariano Arcioni, avanzou tamén numerosas reunións cos responsables de pesca de Santa Cruz e de Bos Aires, baixo o obxectivo de avaliar cos gobernos provinciais e co Goberno arxentino as circunstancias e a actividade das empresas pesqueiras galegas con presenza no país. “Imos intentar poñernos a disposición, agradecer o tratamento que teñen coas empresas galegas e tamén plantexar distintas posibilidades e colaboracións en materia de formación, en materia de experiencia e de ordenación pesqueira”, dixo, a modo de resumo.

Nesta liña, destacou o interese do Executivo galego por estudar como facer unha mellor explotación dos recursos, tendo en conta a actividade de frotas como a china, que faena fóra das 200 millas e que ameazan a sustentabilidade da pesqueira, ou tendo en conta o estado de recursos como o lagostino, que creceu moito nos últimos anos. Ao respecto, Feijóo avogou pola creación, en base á colaboración entre os Estados da área do Atlántico Sudeste, dunha Organización Rexional de Pesca que permita ordenar e xestionar correctamente as pesqueiras, da mesma forma que xa sucede en moitas outras áreas.

No plano económico, subliñou o obxectivo de avaliar e verificar que as empresas galegas manteñen a súa estabilidade e que a situación económica do país lles afecte o menos posible. “Para elo, trataremos coas autoridades temas de interese para a viabilidade das nosas empresas e para a pesca de Galicia, relacionados co avance da operatividade nos portos de Puerto Madryn e Puerto Deseado, coa posibilidade de conseguir acordos vantaxosos á hora de realizar investimentos como a renovación da frota, e coas condicións de exportación, especialmente no que ten que ver co acordo entre a Unión Europea e o Mercosur”, explicou. 

E, no plano social, recordou que a Xunta sempre defenderá que a creación de emprego de calidade debe ser unha cuestión fundamental alá onde estean as empresas galegas, “aínda que sabemos que así o fan”, precisou. O titular da Xunta quixo agradecer á industria pesqueira o recibimento e a súa atención e aseverou que o interese da Xunta polas empresas galegas no estranxeiro é permanente e total. “E, neste caso, Galicia é un dos principais investidores nesta materia en Arxentina e por iso estamos aquí: para dar apoio ás nosas empresas e aos nosos mariñeiros”, incidindo en que, con este obxectivo, o Goberno galego desenvolverá unha apretada axenda de traballo, con encontros con administracións e emprendedores e cos principais axentes económicos pesqueiros para afondar con eles na análise da situación do sector no país. 

Feijóo recordou que Arxentina, xunto con Namibia, é o principal estado no que a nosa pesqueira desenvolve a súa actividade mediante empresas mixtas. Así, no país latinoamericano as empresas galegas teñen unha importancia socioeconómica singular: teñen 68 buques en propiedade e operan outros 14 en exclusiva; e xeran case 5.000 empregos, dos que case 2.000 son a bordo dos barcos de pesca. 

Así mesmo, as empresas galegas en Arxentina son as responsables da maior parte das exportacións pesqueiras deste país a Galicia, cunha media de 55.000 toneladas de peixes e mariscos e cun montante anual medio de 250 millóns de valor; “non só non competindo con Galicia senón facéndoa máis competitiva”.

“En definitiva, estamos na Patagonia, acreditando en primeiro lugar que somos un pobo pescador, que crea postos de traballo en Arxentina e que nos interesa a pesca sustentable, a ordenación dos recursos pesqueiros e tamén a mellora dos portos onde faenan as nosas frotas galegas”, abundou. O responsable do Goberno galego concluirá a xornada do luns visitando Puerto Deseado, onde asistirá a unha cea con directivos e traballadores das empresas pesqueiras galegas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias