El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación aproba o Plan Estratéxico de Subvencións 2020-2022

28-02-2020 15:57:17
O pleno da Deputación da Coruña.

A CORUÑA | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos, o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) 2020-2022. Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a institución provincial coruñesa “dótase así dun instrumento deseñado para para mellorar a planificación e xestión da actividade de fomento da Deputación da Coruña”, dando un impulso a áreas que o goberno provincial considera prioritarias como Benestar Social, Emprego, Cultura ou Deporte.  

González Formoso agradeceu o traballo e implicación dos diferentes servizos provinciais no longo e laborioso proceso de elaboración do PES, “un documento moi traballado e con moita análise detrás”, que garante “a maior transparencia e a maior seguridade xurídica” na acción de fomento da Deputación. “É outro momento importante, outro paso máis na exemplaridade desta Deputación”, afirmou o presidente.  

O Plan obedece a tres obxectivos fudamentais: mellorar a planificación das políticas de fomento da Deputación da Coruña, dotándoa dun instrumento de planificación das actividades de utilidade pública ou interese social que promove e favorecendo aquelas que conleven a colaboración intermunicipal; racionalizar os recursos provinciais mediante a definición de instrumentos de xestión uniformes nos diferentes servizos, contribuíndo así a unha maior equidade, eficacia e eficiencia na distribución dos recursos e avanzar nas medidas de transparencia e bo goberno, facilitando o acceso á información pública e preparando á Deputación para as novas obrigas que se derivarán dunha nova normativa sobre estas materias.  

O Plan recolle tanto as axudas outorgadas en réxime de concorrencia competitiva, que supoñen a inmensa maioría, como as de concesión directa nas áreas de Acción Social, Cultural e Deportes; Medioambiente de desenvolvemento territorial, Normalización Lingüística, Promoción Económica, Turismo e Emprego, ou Xestión de Plans.  


Dez obxectivos estratéxicos 

O PES 2020/2022 da Deputación da Coruña establece dez obxectivos estratéxicos, que describen o efecto e impacto que se espera lograr coa acción de fomento da Deputación durante o período de vixencia do Plan e que están vinculados aos correspodentes programas orzamentarios aprobados en pleno pola institución provincial. Estes obxectivos son:  

.- Ampliar e mellorar as infraestruturas, equipamentos e servizos dos concellos da provincia e promover a colaboración supramunicipal.  

.- Asegurar a prestación integral dos servizos sociais e garantir o benestar social da poboación, en especial dos colectivos máis desfavorecidos. 

.- Impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia coa implementación de políticas públicas que contribúan a xerar riqueza e a frear o despoboamento no rural. 

.- Apoiar a creación de emprego no territorio provincial. 

.- Impulsar accións de protección do medioambiente, loita contra o cambio climático e crecemento sustentable. 

.- Promover o turismo local e provincial. 

.- Aproiar e promover a cultura.

.- Impulsar actividades e programas que contribúan ao estímulo da práctica deportiva como principio de saúde. 

.- Contribuír aos obxectivos de normalización da lingua galega e fomentar o seu uso.

.- Impulsar proxectos europeos de solidariedade internacional.  

En base a estes dez obxectivos estratéxicos, o PES detalla os numerosos programas ou convocatorias de liñas de axuda da Deputación que inciden en cada un deles, así como a dotación orzamentaria dos mesmos. 


84 millóns de euros en 58 liñas de fomento para concellos e entidades

As previsións orzamentarias para 2020 suman preto de 84 millóns de euros (83.939.285,40 euros) para as 58 liñas de fomento existentes actualmente para concellos e entidades, ademáis dos 22 premios e 18 bolsas que concederá a Deputación este ano. A previsión de achegas aos concellos para este ano alcanza os 63 millóns de euros (o 75% do total), mentres que a previsión de subvencións de concorrencia competitiva suma 19,8 millóns, o 23,5% do total.  A Deputación reserva 608.200 euros para os diferentes premios (cultura, deportes, premios PEL…) que convocará este ano e 566.000 para as bolsas que convoca para deportistas, cultura e investigación.  

Tomando como base os dez obxectivos mencionados, a Deputación destina un especial esforzo de inversión na ampliación e mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos (56,23%), na mellora do benestar social e apoio aos colectivos mais desfavorecidos (12,09%), no fomento do emprego e o desenvolvemento económico e social da provincia ( 11%) e no eido cultural (9,71%). Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias