O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica
hoxe a nova convocatoria de axudas para a certificación, seguimento e
renovación das normas da marca Q de Calidade Turística do Instituto para
a Calidade Turística Española (ICTE), convocadas pola Xunta de Galicia e
ás que poderán concorrer tanto persoas físicas e xurídicas privadas
como tamén, como novidade, os concellos. Esta convocatoria supón un
incremento do 30% con respecto a hai un ano.
As axudas
tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva. Como se indica no
DOG, serán actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade
turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou
renovación da marca Calidade Turística Q do ICTE, correspondente a este
ano e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2020.
En
concreto, serán subvencionables os custes de auditoría externa de
certificación, seguimento e/ou renovación do sistema facturados por
entidade auditora acreditada polo ICTE. Os importes obxecto de
subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría
do ano 2020. Tamén serán subvencionables os custos derivados dos
dereitos de uso da marca Q no ano 2020, unha vez acadada a
certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados
polo ICTE ao establecemento.
As subvencións financiaranse cun
crédito global de 130.000 euros, dos que 40.000 corresponderán á
categoría primeira, referida aos concellos, e 90.000 corresponderán á
categoría segunda, correspondente coas entidades privadas. Como recolle a
resolución do DOG, se as solicitudes presentadas por categoría non
esgotan o crédito previsto, o crédito sobrante nunha categoría poderase
destinar a outra categoría.
A presentación das solicitudes
realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do
formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de
Galicia. O prazo está aberto ata o vindeiro 2 de abril.