A CORUÑA | A Deputación da Coruña, na súa labor de promoción,
difusión e apoio ao deporte coruñés, convoca este ano 45 bolsas deportivas de
3.500 euros destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións
federadas a nivel rexional, nacional e internacional. A área
de Deportes da Deputación publica BOP de hoxe martes, 10 de marzo, a
convocatoria destas bolsas, que este ano contan cun orzamento total de 157.500 euros.
O
presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que “ademais de
premiar o esforzo e a excelencia dos deportistas coruñeses, a Deputación quere
colaborar con elas e eles para que podan desenvolver todo o seu potencial, ter
acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel”. “As bolsas
para deportistas da Deputación pretenden ser unha axuda para que estes mozos e
mozas sigan colleitando éxitos para o deporte coruñés”, apuntou o presidente da
institución provincial.
Tamén a
deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou a
importancia destas axudas “para apoiar o traballo diario” das persoas
deportistas da provincia e darlles a oportunidade continuar participando en
competicións do máis alto nivel.
Máis becas e máis dotación económica
O
importe destinado a becas para deportistas incrementouse notablemente nos
últimos anos, pasando de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros.
Ademais, ampliouse tamén o rango de idades, permitindo que os deportistas de entre
24 e 30 anos podan participar na convocatoria.
Os solicitantes deberán practicar un deporte que pertenza a unha das
disciplinas olímpicas. Ademais, os/as
candidatos/as terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2019,
no que constarán as participacións e os resultados máis importantes obtidos en
competicións autonómicas, nacionais e internacionais e o proxecto deportivo da
tempada actual.
As bolsas divídense en tres categorías, en
función da idade das persoas solicitantes:
Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17
anos
Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23
anos
Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30
anos.
A
presentación de solicitudes deberá formalizarse ata as 14.00 horas do 31 de
marzo de forma telemática a través da plataforma Subtel da Deputación. Departamento de comunicación