El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación crea un plan de reactivación de 10 millóns para autónomos e microempresas da provincia

24-07-2020 15:04:26
González Formoso, presidente da Deputación.

A CORUÑA | A Deputación da Coruña investirá 10 millóns de euros no programa PEL-Reactiva, unha nova liña do Plan de Emprego Local destinada a apoiar aos autónomos e microempresas da provincia, un dos sectores máis afectados pola pandemia da Covid-19. A creación do PEL- Reactiva “suporá duplicar o investimento que a Deputación realizará en materia de emprego este ano”, segundo explicou  o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que hoxe presentou o novo plan xunto aos deputados responsables das área de Emprego e Contratación da institución provincical, José Ramón Rioboo e Xosé Lois Penas.

González Formoso explicou que cando chegou á presidencia do goberno provincial en 2015, o investimento da Deputacion en emprego era de 1,3 millóns de euros anuais, unha cifra que se incrementou a 10 millóns anuais coa creación do PEL e que este ano subirá ata os 20 millóns de euros con este novo programa “destinado a paliar os efectos colaterais que a crise sanitaria está a ter no ámbito económico e que pon en risco o tecido productivo dun país como o noso, moi baseado na microempresa”, afirmou.

O presidente da Deputación sostivo que pór en marcha plan “non foi nada fácil” pola falta “dunha coordinación coa Xunta de Galicia, que non fomos capaces de conseguir” e, especialmente, “polas limitacións e restriccións que a Lei Montoro impón ás administracións locais para poder usar os seus aforros procedentes de remanentes e superávit. Neste sentido, o presidente denunciou “o sándwich de inxustiza” que supón non poder usar os aforros das administracións locais saneadas económicamente para unha cuestión tan importante coma a reactivación económica e, ao mesmo tempo, ter que pagar aos bancos por manter eses fondos públicos nas súas contas correntes, “o á Deputación lle custa arredor de 400.000 euros ao ano”, afirmou.  

Valentín González subliñou tamén o “carácter obxectivo” do reparto de fondos, que se basea no número de autónomos e microempresas de cada municipio e que na provincia coruñesa superan os 83.000, aínda que puntualizou que só se poderán beneficiar das axudas aqueles que demostren perdas importantes durante a pandemia.


Colaboración fundamental dos concellos

O deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, explicou os detalles do programa PEL-Reactiva, que estará destinado a todos os concellos da provincia menores de 50.000 habitantes e cuxa colaboración será “fundamental” no desenvolvemento do mesmo, pois os municipios que desexen adherirse ao programa cofinanciarán o 20% do mesmo con fondos propios. Sumando as achegas municipais, o investimento total pode incrementarse ata os 12 millóns de euros.

“Este era un programa moi demandado polos concellos que tiñan dificultades para elaborar as bases, pór en marcha e fiscalizar axudas deste tipo”, afirmou Rioboo, que explicou que as axudas estarán destinadas aqueles autónomos ou microempresas de ata 9 empregados que viran reducidos polo menos nun 75% os seus ingresos durante a crise da Covid. As axudas oscilarán entre os 1.500 euros para os autónomos sen traballadores ao seu cargo e os 3.000 euros para as empresas de ata 9 empregados.

Os fondos poden ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova  realidade derivada da Covid-19, compra e instalación de mamparas, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes. Unha vez aprobadas as bases e publicadas no BOP, os concellos terán de prazo ata o 9 de outubro para adherirse a este programa.

Pola súa banda , o deputado responsable da área de Contratación, Xosé Lois Penas, explicou o longo proceso para a elaboración do plan, adaptando uns orzamentos que xa estaban en execución a unha realidade na que debía priorizarse a reactivación económica e agradeceu “a colaboración de todas as áreas da Deputación que participaron na posta en marcha” do PEL-Reactiva. “Era o momento de estar á altura das circunstancias e na Deputación facémolo con empatía e solidariedade”, afirmou o deputado. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias