O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 30 de
xullo de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai
pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de
alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2020, así como as
solicitudes desestimadas e a causa. En total, ao abeiro desta nova
resolución recoñécense 22 novos deportistas galegos de alto nivel -7
mulleres, 15 homes e, dentro deles, 1 con discapacidade-. Cómpre lembrar
que estes 22 deportistas recoñecidos corresponden a unha primeira fase
do procedemento iniciado en xuño. Nos vindeiros meses recoñeceranse o
resto de deportistas galegos de alto nivel do devandito procedemento.
En
total, sumados aos outros 499 deportistas galegos de alto nivel
recoñecidos en anteriores convocatorias, Galicia conta con 521 DGAN -212
mulleres, 309 homes- o maior número desde que se recoñecen os
deportistas de alto nivel na comunidade. O número total de deportistas
con discapacidade (17) tamén é o máximo histórico, o que reflicte o
traballo feito pola Xunta de Galicia en prol do deporte adaptado. O
pasado 16 de abril publicábase a prórroga de seis meses para 126
deportistas DGAN que remataban a súa vixencia durante o ano 2020 como
medida de carácter extraordinario para previr e conter o coronavirus e
mitigar o impacto sanitario, social e económico.
Decreto DGAN
O
pasado 11 de xullo o Consello da Xunta aprobaba o proxecto de decreto
polo que se regula o deporte de alto nivel. O novo decreto regulará o
deporte de alto nivel de Galicia e, como principal novidade, regulará
tamén o alto rendemento deportivo e o rendemento deportivo de base.
O
novo decreto establece asemade o catálogo de dereitos e obrigas dos
axentes deportivos recoñecidos nas distintas categorías como dereitos de
carácter educativo, laboral ou económico que inclúen importantes
vantaxes con respecto á norma vixente; así como o procedemento e
requisitos establecidos para o recoñecemento de deportistas e tamén a
técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, como novos colectivos que se
incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de
Avaliación do Alto nivel deportivo. Asemade establécese a posibilidade
de obter este recoñecemento con carácter vitalicio.
Tamén se regulará dentro deste novo texto o recoñecemento dos centros de
alto nivel e os núcleos de adestramento especializado e, como un dos
puntos de meirande importancia, a creación da Oficina de Atención ao
Deportista, ferramenta necesaria dentro de calquera sistema de
protección global e efectiva dos axentes deportivos, e que permitirá a
súa atención, dende o asesoramento, en todas as etapas da súa carreira e
dedicación competitiva.