O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou
integramente a demanda interposta polo Estado e declárao propietario do
Pazo de Meirás, polo que condena á familia Franco á devolución do
inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido
para o mantemento da propiedade. No procedemento, a Xunta de Galicia, o
Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación Provincial defenderon tamén
a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constan
seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.
A maxistrada Marta Canales declara na sentenza a nulidade da doazón
efectuada en 1938 do “predio denominado Torres ou Pazo de Meirás ao
autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer
do requisito esencial de forma”. En relación a este fundamento, aclara a
xuíza que, o mesmo ano en que se efectúa a doazón, constitúese unha
Xunta Pro Pazo “do Caudillo” para comprar e regalar o Pazo de Meirás “ao
Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional”. “O seu nome era
Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle regala a el por si mesmo,
senón ao xefe do Estado. As alegacións dos demandados en relación á
intención das vendedoras, que querían que o pazo se regalase a Franco a
título persoal, non se comparten”, di a sentenza, onde se conclúe que a
literalidade dos documentos sobre a compra do pazo e posterior doazón
“non arroxa dúbidas”, pois todos se refiren “ao caudillo”.
No fundamento de dereito terceiro da resolución, a xuíza conclúe que a
compravenda do 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que
determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos
demandados e polo que Franco, a título particular, logra a inscrición do
predio no Rexistro da Propiedade.
En relación a este extremo, afirma a maxistrada que non se acepta a
argumentación dos demandados sobre a compra que realiza Franco coa
intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que cualifica de “ficción”
levada a cabo “só co obxecto de poñer o ben ao seu nome”. “Ningunha
operación subxace entre as partes que se disimule para os efectos que
defenden os demandados.
O Pazo de Meirás entregouse á Xunta Pro Pazo do
Caudillo na primavera de 1938, comprado en escritura pública pola Xunta o
5 de agosto de 1938 e o Xunta Pro Pazo fixo entrega formal ao caudillo o
5 de decembro de 1938. O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o
pazo e Franco nada paga. A vendedora xa vendera. A reservista xa renunciara ao seu dereito. Franco nada
compra”, sublíñase na resolución.
No que respecta á liquidación do estado posesorio (restitución dos
gastos nos que podería ter incorrido a familia mentres foi titular do
inmoble), a maxistrada entende que non cabe, ao ser a propiedade
incorporada ao patrimonio da familia Franco “de mala fe”. Esa mala fe
materialízase “cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de
Meirás, na súa calidade de xefe de Estado, outorga unha escritura
pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao
seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún”. Lembra
ademais a xuíza que o Estado asumiu todo os gastos da residencia estival
que foi xestionada e administrada como residencia oficial do xefe do
Estado, polo que afirma que “o Pazo de Meirás xestionábase de forma
idéntica ao Palacio de El Pardo”.
Ao entender que a propiedade do pazo corresponde ao Estado, a xuíza
declara tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco
se fixeron co inmoble, así como a doazón dos predios que se recolle
nunha escritura de novembro de 1982. A sentenza non é firme, xa que
contra a mesma cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia
Provincial da Coruña.
Sobre o momento no que se presenta a demanda, que os letrados da
familia Franco consideraron atraso desleal, entende a maxistrada que “a
posibilidade de articular a demanda nace dun importante estudo histórico
e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que responde a unha
madurez do noso sistema democrático” e destaca que o Estado “nunca
renunciou aos seus dereitos”.
Na sentenza conclúese que “a parte actora demostrou a nulidade do
título de compravenda esgrimido polos demandados e acreditou de forma
contundente a posesión pública, pacífica, ininterrompida e en concepto
de dono ao seu favor, coas consecuencias de que a totalidade do predio
debería inscribirse no Rexistro da Propiedade a favor da demandante e as
inscricións contraditorias existentes a favor dos demandados haberían
de cancelarse”, o que a xuíza acorda. Máis información