O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu
unha moción con medidas para atallar a crise industrial na Galiza. O deputado
nacionalista explicou que a crise industrial na Galiza non é conxuntural nin tampouco
consecuencia da emerxencia sanitaria xerada pola COVID19. “É unha crise
profunda e duradeira que deriva da situación de dependencia política do noso
país, Galiza”, salientou, facendo fincapé no espolio que padece o país,
especialmente no referente ao sector enerxético, e de políticas desacertadas e
lesivas -por acción ou por omisión- dos gobernos español e galego.
O último
e máis coñecido episodio na crise industrial galega é o anunciado peche da
planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, “agora reconvertido, grazas á
mobilización dos traballadores e traballadoras e á presión política e sindical,
nun proceso de negociación para a venda da planta” apuntou Néstor Rego e lembrou
que, ten data de caducidade, o 28 de setembro, exactamente dentro de 20 días.
O BNG considera que a resposta das administracións galegas foi lenta e morna até que as
masivas mobilizacións populares na Mariña e a inminencia do desenlace obrigáronas
a reaccionar. O BNG lembra que para evitar a catástrofe económica e social
que tería en toda a comarca este peche, se a negociación con Liberty House fracasa,
o Goberno español deberá estar disposto á intervención pública para a
nacionalización da factoría, asegurando así os postos de traballo e o futuro
económico do principal motor da Mariña. Néstor Rego volveu recalcar que “nin o
marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a
nacionalización de Alcoa, polo tanto, esta solución só necesita da vontade
política das Administracións públicas”, solución que permitiría preservar o
emprego e salvar unha comarca enteira.
Os nacionalistas ven necesario
que esta alternativa sexa contemplada tamén para a antiga Alcoa A Coruña, hoxe
AluIbérica, para asegurar o seu futuro se os inversores privados non garanten a
continuidade da actividade. O BNG espera que o Goberno
e todas as forzas políticas presentes no Congreso, se sumen ao compromiso de
pór todos os medios para salvar a planta de aluminio de San Cibrao, incluída a
intervención pública se fose necesaria. “É o que espera o BNG, mais sobre todo,
é o que esperan os traballadores e traballadoras e toda a poboación da Mariña” subliñou
Néstor Rego.
Outros sectores industriais galegos en crise
O deputado nacionalista durante a súa intervención na moción criticou
como os distintos gobernos españois -e tamén o galego de Núñez Feixoo- asistiron
impasíbeis nos últimos anos a distintos capítulos desta desoladora historia,
provocando coa súa inacción e permisividade fronte aos grandes grupos de poder
económico -especialmente no sector enerxético- que agravou unha crise
industrial que vai desde Ferroatlántica na Costa da Morte, até os estaleiros de
Barreras e Vulcano en Vigo, pasando polas térmicas das Pontes e Meirama, Isowat
e a antiga factoría de Alcoa (Alu-Ibérica) na Coruña.
“É necesario pór en
marcha solucións que dean estabilidade ao sector e ao conxunto da nosa
industria, por iso defendemos, en primeiro lugar, estabelecer unha Tarifa
Eléctrica Galega que permita rebaixar o custo da enerxía no noso País tendo en
conta que Galiza é produtora excedentaria, que pagou e paga os gravosos custos
sociais e ambientais, mais non se beneficia desa condición de país produtor”
explicou.
O BNG lembra que o Goberno
español debe cumprir xa o seu compromiso -reiteradamente demorado- de aprobar
un Estatuto do Consumidor electrointensivo que realmente supoña unha solución
para o sector, é dicir, que garanta un prezo estábel, predicíbel e asumíbel. Departamento de comunicación