Improvisación
e bandazos nun inicio de curso que o Goberno de Feixóo tivo seis meses para
preparar pero que, pese a estar no medio dunha pandemia, arranca en infantil e
primaria sen protocolo claro e sen máis persoal docente nin medios. E, a menos
dunha semana de que se incorpore o alumnado de secundaria, os institutos de
Santiago emitiron un comunicado solicitando un aprazamento do inicio de curso
porque aínda descoñecen os recursos cos que van contar.
A líder do BNG, Ana Pontón, responsabiliza
ao presidente da Xunta da situación e pídelle que dunha vez asuma as súas
competencias exclusivas tanto en educación como en sanidade.
“A responsabilidade do que esta
pasando é de Feixóo que tivo seis meses
para preparar o inicio de curso e non o fixo, e espero que a política de botar
balóns fora non sega a ser a carta de presentación do goberno galego porque o
que está en xogo é nada menos que a educación e a seguridade sanitaria dos
nenos e nenas. Non se pode frivolizar con iso e pídolle ao goberno algo máis
que escusas, pídolle solucións e que se poña as pilas”, recalcou.
A portavoz nacional destaca que o
nivel de improvisación mostra a falta de capacidade de xestión do xefe do Executivo.
“Temos claro que se trata dun problema de xestión que evidencia a incapacidade
da Xunta para planificar un inicio de curso que non é un fenómeno sobrevido
senón que houbo tempo para planificalo, e o que se preguntan moitos pais e nais
é como se pode actuar con tanta irresponsabilidade cando estamos ante unha
cuestión de tanta importancia como a educación e a seguridade sanitaria dos
nosos fillos e fillas”, alegou.
O BNG formula como prioridades consensuar
un protocolo claro coa comunidade educativa, reducir as ratios por aula,
contratar máis persoal docente e garantir todos os servizos necesarios para
facilitar a conciliación familiar e laboral de pais e nais como o comedor, o
programa madrugadores ou as actividades extraescolares. “Un PP que rescatou á
banca con 90.000 millóns de euros non pode dicir agora que non hai recursos
para inicia o curso con garantías sanitarias”, recalcou, “non é serio e demostra
que ao Goberno de Feixóo lle queda grande a pandemia e non está poñendo os
medios suficientes”.
Pontón rexeitou o argumento de falta
de espazos públicos para incrementar o número de aulas e baixar a ratio. “Nin
as familias nin a comunidade educativa poden pagar as consecuencias dun
Executivo que tendo seis meses para preparar a volta ao colexio estivo de
brazos cruzados e sen actuar, claro que hai espazos, ou que falta é vontade
política para organizalos”, concluíu. Departamento de comunicación