El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CASO PAZO DE MEIRÁS

A Deputación insta á Xunta a impedir que a Fundación Franco continúe utilizando o Pazo de Meirás

O pleno rexeita unha iniciativa de Marea Atlántica de condena á fuxida do rei e por un referendo sobre a monarquía.

11-09-2020 16:09:39

A CORUÑA | O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional pola que se insta á Xunta de Galicia a activar todos os mecanismos necesarios para impedir que a Fundación Francisco Franco continúe á fronte da xestión das visitas guiadas ao Pazo de Meirás. Todos os grupos da corporación apoiaron a iniciativa na que se recoñece tamén o labor das persoas e entidades que participaron no proceso de recuperación do Pazo de Meirás.  

A Deputación da Coruña  aprobou en pleno, co apoio do PSdG-PSOE, BNG, PP, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, unha declaración institucional encamiñada a impedir que, despois de se facer pública a sentenza que obriga á familia do ditador a devolver a propiedade, a Fundación Franco continúe xestionando as visitas ao inmoble e utilizando o espazo para facer apoloxía do franquismo.  

No texto da iniciativa lémbrase que foi precisamente a utilización da Fundación Franco do Pazo de Meirás para difundir o ideario fascista o que levou hai tres anos, o 15 de setembro de 2017 a iniciar "por responsabilidade institucional histórica", unha liña de acción que foi decisiva para levar a propiedade do inmoble ao xuízo que rematou cunha sentenza favorable á devolución do pazo ao patrimonio público.  

Se entón, hai tres anos, o acordo plenario incluía o rexeitamento da institución á xestión do programa de visitas por parte da Fundación Francisco Franco e mostraba o seu apoio par que fose o propio Concello de Sada quen se ocupase do programa, agora, tres anos despois, a declaración da Deputación da Coruña recoñece que a situación mudou coa sentenza do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña mais continúa de maneira "incomprensible" a mesma xestión do programa de visitas.  O Pazo de Meirás, contempla a declaración,  "segue a ser utilizado como templo do franquismo, con visitas guiadas que continúan a defender os idearios do movemento, incumprindo con impunidade a Lei da Memoria Histórica".

Despois de ter coñecemento desta situación, a Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a activar os mecanismos necesarios para impedir que a Fundación Francisco Franco continúe á fronte da xestión de visitas guiadas ao Pazo de Meirás, obrigadas pola súa condición de BIC. A Deputación da Coruña ofrécese, neste sentido, para, xunto co Concello de Sada e a propia Xunta, traballar conxuntamente "para que o Pazo de Meirás inclúa o relato completo da súa propia historia, desde que era propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán até a actual sentenza". Finalmente, a Deputación quere, a través da declaración institucional, "recoñecer publicamente o labor de todas as persoas e entidades que nos últimos anos denunciaron este espolio e participaron no proceso de recuperación do Pazo de Meirás".
 

Rexeitada a moción da Marea Atlántica sobre o rei emérito
 
No pleno foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e PP a moción da Marea Atlántica que esixía a celebración dun referendo no que a cidadanía decidira sobre a continuidade da monarquía como depositaria da Xefatura do Estado. A iniciativa, que contou cos votos a favor do BNG e Alternativa, ademais da propia Marea Atlántica, contemplaba tamén a condena a fuxida do rei emérito "cando está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo" e buscaba instar ao "Goberno do Estado e ao congreso das Deputadas a que inicien unha investigación parlamentaria polas accións realizadas por D. Juan Carlos de Borbón desde o ano 2014, momento no que deixou de manter a súa condición de inviolabilidade xurídica".

O texto da moción de Marea Atlántica solicitaba tamén instar ao goberno do Estado a derrogar o delito de inxurias ao rei e á Casa Real e esixir "de probarse os delitos que se investigan, o reingreso as arcas públicas do patrimonio adquirido ilegalmente polo rei emérito". Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias