El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | CORONAVIRUS

Feijóo destaca a primeira emisión de bonos sostibles por un importe de 500 millóns

17-09-2020 18:44:23

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a primeira emisión de bonos sostibles da Comunidade, por un importe de 500 millóns de euros. “Trátase de bonos que estarán integramente orientados aos investimentos sociais e medioambientais, á economía verde e vinculados tamén á Axenda 2030”, aseverou, precisando que soamente se poderán utilizar para as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a xestión sostible dos recursos naturais, o transporte limpo ou a xestión sostible da auga.

Así mesmo, estes recursos tamén poderán ser empregados en cuestións sociais, como a mellora da accesibilidade no mundo rural, o acceso a servizos esenciais, o acceso á vivenda ou a xeración de emprego, entre outras liñas de actuación. Deste xeito, Galicia convértese na segunda comunidade autónoma de réxime común e financiamento de réxime xeral que emite bonos verdes, despois de Madrid -tamén o fixeron o País Vasco e Navarra-.


Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que “o obxectivo é pechar esta operación nos próximos días”. “Non é un incremento da débeda pública. Son 500 millóns de euros que substitúen a outros 500 millóns de euros que vencían nestas mesmas datas. Polo tanto, substituímos débeda pública tradicional que vence, por bonos verdes cunhas condicións de compromiso medioambiental específicas e cunhas características de financiamento e de tipo de interese moi atractivas”, sinalou.


O presidente da Xunta recordou que, segundo os datos oficiais do Banco de España, Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda pública na última década.  O aumento da débeda pública en Galicia entre 2008 e 2019 é o menor de toda España, xa que o incremento rexistrado en Galicia representa 110 puntos inferior á media do conxunto de España. Grazas a este mellor comportamento respecto ao resto das comunidades, Galicia evitou na última década a emisión de 3.874 millóns de euros de débeda.



“E somos tamén a terceira comunidade autónoma de réxime común coa menor ratio de débeda/PIB de toda España”, engadiu, explicando que este indicador sitúase ao peche do primeiro trimestre de 2020 no 18,1%, seis puntos menos que a media autonómica (24,1%). Só dúas comunidades de réxime común –Canarias e Madrid– teñen unha ratio de débeda máis baixa que a galega.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias