SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
Paraninfo da Universidade, situado na Facultade de Xeografía e Historia, acolle
este venres o primeiro dos concertos do Ateneo Barroco 2020, segunda
edición deste festival de música antiga e barroca, organizado polo Ateneo de
Santiago e que conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de
Galicia así como da Deputación da Coruña, ademais de coa colaboración da
Universidade de Santiago e o Concello de Santiago.
Baixo
a dirección do seu fundador Eduardo López Banzo, Al Ayre Español, probablemente
o conxunto de referencia estatal no eido da música barroca, inaugura o festival
cun concerto dedicado ás sonatas de Haendel, para moitos, o máis importante
operista do Barroco e figura transcendental na historia da música. Neste
primeiro recital, que leva por título “To all lovers of Musick”, ademais do
talento do autor para a música de cámara, atópase a súa fértil imaxinación como
compositor de ópera xa que conteñen unha forte presenza de elementos dramáticos
e teatrais e mesmo foron definidas como “óperas sen palabras”.
Como
preámbulo ao concerto terá lugar a primeira sesión da actividade complementaria
“Instrumentos, xéneros e contextos”, introdución didáctica do festival que
nesta edición, por mor das circunstancias sanitarias, se desenvolverá xusto
antes de cada concerto, ás 20.00 horas, co público xa acomodado. Co obxectivo
de facilitar o achegamento aos artistas, aos seus instrumentos e os seus
contextos, á música, a súa historia e os seus xéneros, Eduardo López Banzo
contribuirá a preparar ao público para unha audición máis enriquecedora do
concerto coa breve charla “Haendel, ensemble e sonata”.
Al
Ayre Español é unha agrupación merecedora de notorios recoñecementos como o
Premio Nacional de Música outorgado polo Ministerio de Cultura. Con máis de
trinta anos de experiencia ás súas costas e considerado toda unha institución
musical e cultural, Al Ayre Español goza dunha gran reputación internacional, é
invitado repetidamente para actuar nos máis prestixiosos festivais e salas de
concerto do mundo e atesoura unha amplísima e galardoada discografía. Ler máis