El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación abre o prazo para participar no concurso escolar "E ti, que pensas da igualdade?"

O período comezará o vindeiro luns, e os traballos poderán presentarse ata o 19 de abril.

06-03-2024 12:03:43
Deputación de Pontevedra.

REDACCIÓN | A Deputación de Pontevedra abre o próximo luns 11 o prazo para presentar traballos ao concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?”, unha iniciativa que se promove este ano por vez primeira e se enmarca na programación “Seguimos con todas e para todas”, deseñada pola institución provincial para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O certame nace coa intención de incentivar na cativada e na mocidade o pensamento crítico e de sensibilizala na importancia de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de rexeitar a violencia de xénero, ao tempo que fomenta a súa creatividade e amosa a visión das rapazas e rapaces da provincia sobre estas cuestións. 

A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de educación primaria, educación especial, secundaria (ESO, Bacharelato e FP Básica ou de Grao Medio) dos centros de ensino da provincia, que poderá participar elaborando as súas creatividades en diferentes disciplinas. Cada obra deberá basearse no rexeitamento de todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres e o reto de acadar a igualdade de oportunidades de mulleres e homes real e efectiva. Valorarase, ademais, a creatividade, a orixinalidade e as creacións propias.  

A participación será tanto a título grupal como individual e, en canto ao formato de traballos a presentar no concurso, varían segundo o ciclo. Así, entre 1º e 4º de primaria e en educación especial as propostas individuais deberán ser debuxos ou colaxes e as grupais, contos, mentres que en 5º e 6º as individuais serán bandas deseñadas ou viñetas e as grupais, videopoesías. Por outra banda, tanto na ESO como en bacharelato e FP básica ou de grao medio, de maneira individual poderán presentarse bandas deseñadas ou viñetas, mentres que, en grupo, os primeiros poderán participar con cancións e, os segundos, podcasts. 

As obras, que se poderán presentar ata o 19 de abril, deberán enviarse en formato PDF, JPG ou mediante enlace de descarga ao correo electrónico participa.igualdade@depo.gal. Unha persoa responsable do centro educativo será a encargada de enviar cada unha das obras, que deben ser orixinais e inéditas e, xunto con elas, a persoa autora deberá achegar unhas liñas que describan que a levou a realizar esa peza e que significa para ela. 


Os premios 

En canto aos premios, haberá tres en cada unha das categorías. En primaria e educación especial o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e unha tableta para a persoa gañadora; o segundo unha sesión de contacontos para o centro e unha cámara de fotos Polaroid para a persoa, e o terceiro un lote de material didáctico para o centro e un agasallo didáctico para a persoa gañadora. Na ESO, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo premio consistirá nun obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e unha tableta para a persoa gañadora, e o terceiro un obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e un agasallo didáctico para a persoa gañadora. 

Por último, en bacharelato e FP básica ou de grao medio, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo un encontro cunha xornalista galega para o centro e unha tableta para a persoa gañadora, e o terceiro un obradoiro de banda deseñada para o centro que gane e un agasallo didáctico para a persoa.  

Os traballos finalistas exporanse virtualmente na páxina web da Deputación de Pontevedra e recompilaranse nun soporte divulgativo que se distribuirá por todos os centros educativos da provincia de Pontevedra. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias