El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Paula Prado: "No PPdeG apostamos por un Goberno ao estilo de Galicia"

19-04-2024 15:35:09
Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG.

REDACCIÓN | A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amosou hoxe a súa satisfacción co Goberno designado esta semana polo presidente Alfonso Rueda, ao que definiu como “un Goberno ao estilo de Galicia, que non pensa nuns poucos, senón en todos os galegos e galegas e que recolle o mellor do pasado para blindar o noso presente e construír o noso futuro”.  

“O novo Goberno do presidente Rueda devolve á maioría dos galegos a confianza que depositaron no noso proxecto e ofrécelles a cambio responsabilidade, esforzo, compromiso e traballo”, explicou neste sentido.  

Na rolda de prensa celebrada esta mañá na sede autonómica do PPdeG, a número dous dos populares galegos subliñou que Alfonso Rueda “dixo que Galicia funcionaría desde o primeiro día e así foi”, do mesmo xeito que “dixo que cumpriría a palabra dada e así o está facendo”. 

Algo que exemplificou en que, transcorrida esta primeira semana desde a toma de posesión do novo Executivo galego, moitos dos compromisos adquiridos polo presidente para os primeiros 100 días da lexislatura “xa pasaron de ser palabras para converterse en feitos”. 

É o caso da gratuidade para os gastos de adopción de animais de compañía, a creación da rede de dinamización cultural no rural, a construción das 375 primeiras vivendas de promoción pública, a ampliación ata os 45 anos da idade de acceso á fecundación in vitro ou a gratuidade das matrículas universitarias.  


O "Goberno de ficción" do BNG  

Paula Prado referiuse tamén á “ensoñación” protagonizada esta semana por Ana Pontón ao presentar un “goberno de ficción”. Algo que demostra, na súa opinión, non só que “segue sen asumir que os galegos non apoiaron as súas aspiracións presidenciais”, senón que “aparte das eleccións, tamén perdeu as ideas”. 

Recordou así que Xosé Manuel Beiras, logo da derrota electoral do BNG nas eleccións autonómicas de 1997, presentara tamén o seu propio “goberno alternativo” e “todos sabemos como rematou aquela historia”.  

“Cando a señora Pontón fala de gobernos na sombra, eu supoño que se refire a aquelas persoas das que se acompañaría pero que non se atreve a presentar publicamente”, afirmou antes de nomear a Arnaldo Otegi como “responsable das Forzas Armadas”, a Oriol Junqueras como “responsable de Institucións Penitenciarias”, a Carles Puigdemont como “responsable de Asuntos Exteriores”, a Pernando Barrena como “asesor de confianza” e a Néstor Rego como “alto mando dos coroneis da UPG”.  

Estes serían, segundo a número dous dos populares galegos, “os verdadeiros compañeiros de viaxe de Ana Pontón na súa viaxe sen final cara a Presidencia da Xunta de Galicia” aínda que “ela nunca se atrevería a recoñecelo publicamente”. 

“Do mesmo xeito que en campaña agochou o seu programa electoral, segue agochando as súas verdadeiras ideas e alianzas. Pero os galegos non se deixan enganar e por iso non confiaron nas propostas de goberno do BNG nin hai 30 anos nin agora”, concluíu a este respecto. 


"Pedro Sánchez só acerca cando copia ao PP" 

Ante o anuncio realizado esta semana por Pedro Sánchez de ampliar os programas de cribado neonatal a nivel nacional ata incluír 11 probas, Paula Prado sostén que se trata dun anuncio que “antes de facerse realidade xa resulta insuficiente”. 

“Fronte ás 11 probas que ofrece Pedro Sánchez, Galicia xa conta co programa de cribado neonatal máis amplo de España e un dos primeiros de Europa: inclúe actualmente 48 probas e este ano incorporará 3 novas patoloxías”, explicou antes de concluír que “está ben que Sánchez copie a Galicia, pero é unha pena que copie mal”.  

Pediulle así que copie tamén outras medidas do Goberno galego e cuestións como a xestión das autoestradas, xa que, mentres as autopistas de titularidade autonómica volven ter as peaxes conxeladas por segundo ano consecutivo, as que dependen do Goberno de España –a AP-9 e a AP-53– “rexistraron este ano a maior subida das peaxes da historia”. Ao que habería que engadir ademais que o ministro de Transportes “vén de resucitar o plan oculto de Pedro Sánchez para facernos pagar polo uso de autovías”.  

“Pedro Sánchez só acerta cando copia ao Partido Popular. Porque cando lle toca a el facer o exame, o resultado é sempre o suspenso e quen paga as consecuencias, por desgracia, é sempre Galicia”, subliñou.  

Ante todo isto, Paula Prado concluíu que os galegos teñen á súa disposición tres modelos: “O Goberno de ficción dun BNG que segue pensando no pasado, o Goberno dun Pedro Sánchez que está a lastrar o presente de Galicia coas súas decisións, e un Goberno presidido por Alfonso Rueda que pensa no futuro da nosa Comunidade e traballará durante os próximos catro anos para construír a Galicia da próxima década”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias