El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | SOGAMA

Anunciados os colexios premiados no marco do concurso de carteis incluído no programa educativo "Recíclate con Sogama" 2023-2024

25-04-2024 16:49:40
CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo.

REDACCIÓN | No marco do concurso de carteis contemplado no programa “Recíclate con Sogama” 2023-2024, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, fíxose pública a relación dos centros escolares que foron recoñecidos polos seus traballos, orientados a promover a reciclaxe e os seus beneficios. 


Premios e accésits 

O primeiro galardón, cunha dotación económica de 1.300 euros, recaeu no CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove (Lugo), polo seu cartel “Dá un paso, non teñas medo, non é máis ca un pequeno enredo. Recicla”. A través da súa obra, os escolares deste centro aseguran que, aínda que a reciclaxe é un asunto difícil de resolver, tamén é un simple xogo que non esconde misterio algún. Segundo eles, “Unha aposta segura na que nada se perde e, en todo caso, un xogo ou enredo que sempre acaba de forma exitosa”. Así que ”Na casa ou na escola, Reciclar debe ser a moda”.  

O segundo galardón, con 1.000 euros, foise para Ribadeo (Lugo), concretamente ao CEIP Gregorio Sanz, cunha obra titulada “Coida a túa paisaxe, mergúllate na reciclaxe”. Na mesma reproducen a paraxe máis emblemática do seu municipio, o Faro da Illa Pancha, situado na entrada da Ría de Ribadeo, e lugar recoñecido como zona de especial protección para as aves. Con isto pretenden animar, tanto á veciñanza da súa localidade como aos visitantes, que coiden este e outros enclaves naturais a través da reciclaxe e a máxima responsabilidade ambiental. 

Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Andrade de Pontedeume (A Coruña) fíxose co terceiro premio, 700 euros, co seu cartel “A nosa pegada no planeta”, representando a sostibilidade e a cultura ambiental implantada no seu centro a través da recollida selectiva de residuos, evitando desta forma o consumo de enerxía e materias primas virxes. En todos os casos, os importes económicos deben destinarse a material escolar e/o accións educativas. 

Así mesmo, outorgáronse dous accésits: o primeiro, ao CPR Plurilingüe Santa Juana de Lestonnac, de Ferrol, polo seu cartel “Se todos reciclamos, ou mundo melloramos”, no que transmiten a necesidade de que o mundo estea limpo para dar vida. E, o segundo, ao centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa “Aplica os tres erres porque, senón, o mundo m…”, precisando que dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) depende o futuro do planeta. 


Xurado  

O xurado, conformado por membros de Sogama e da Consellería de Educación, valoraron, de entre todas as candidaturas presentadas polos colexios adscritos a Recíclate con Sogama, a calidade do cartel, a creatividade e orixinalidade, a mensaxe ambiental transmitida a fin de lograr un impacto positivo na concienciación social sobre as bondades da reciclaxe e a claridade na redacción do texto para facilitar a súa comprensión. 


Sobre Recíclate con Sogama 

Trátase dun programa impulsado por Sogama e canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, no que este curso académico participan 26 centros educativos de toda a comunidade, sendo o seu obxectivo implantar a reciclaxe nas aulas e inculcar os bos hábitos ambientais para que tamén sexan extrapolados aos fogares. 

A fin de que os centros leven a cabo os seus proxectos, Sogama subministroulles no seu momento diversos medios materiais e didácticos para que poidan desenvolver os seus traballos. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias