El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Política Lingüística colaborará coa RAG na nova edición do Dicionario, que sairá do prelo no vindeiro ano

Barreiro confía en que os convenios asinados sexan os últimos e que o mantemento da Academia pase ós orzamentos da Xunta

12-09-2006

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, asinaron hoxe en Santiago tres convenios de colaboración, destinados a continuar coa nova edición do Diccionario da RAG, que sairá do prelo no vindeiro ano, e finalizar unha nova gramática, así como a manter o servizo de terminoloxía científica e á actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia. A Administración galega aporta así un total de 280.000 euros á institución lingüística. O presidente da RAG confiou en que se trate "dos últimos convenios" que teñan que asinar para obter financiación e que co novo Estatuto a Academia teña presenza nos orzamentos da Xunta. Neste senso, Barreiro reivindicou que "esta factoría intelectual" non pode depender do "talante político". Ademais do novo Diccionario da RAG, dispoñible na rede seis meses despois de que se publique, Barreiro avanzou que se editarán outros diccionarios para traducir directamente ó galego dende outros idiomas. Outras das tarefas financiadas terán que ver coa realización de vocabularios no ámbito do márketing, automoción ou o fútbol ó longo do ano, e outros prioritarios no Plan de normalización lingüística. Sociolingüística Pola súa banda, Marisol López salientou a necesidade de establecer unha "diagnose lingüística" para desenvolver políticas de consolidación do galego na sociedade. Neste punto, será fundamental a actualización do Mapa Sociolingüístico, elaborado hai máis de dez anos, cos datos obtidos nas enquisas realizadas no 2004. O presidente da RAG apuntou á "desagrarización" como causa principal da perda de falantes en galego, xa que no ámbito urbano "continúa persistindo o autoodio". Así, a pesar de que os mozos teñan cada vez "maiores competencias" lingüísticas en galego grazas á escolarización, "reducen o ámbito" de utilización. Sen embargo, creu conveniente deixar que a realidade social "evolucione por si mesma".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias