El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Nacional

PSdeG

Besteiro: "Os socialistas apostamos por concellos máis transparentes"

18-03-2015 20:28:15

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou hoxe que o PSdeG traballará nos concellos “para facelos máis transparentes, sostibles e cun financiamento suficiente para prestar servizos básicos aos seus veciños”. 

“Fronte a visión raquítica da dereita, nós temos unha visión ampla e social da vida municipal na que apostamos por involucrar á cidadanía na súa xestión, queremos concellos que sexan capaces de activar políticas de loita contra o desemprego e ben atendidos máis aló do seu tamaño ou o seu carácter rural”, asegurou o líder dos socialistas no Comité Nacional Galego do PSdeG. 

 Na súa intervención, demandou aos militantes “propoñer unha alternativa clara e crible para as nosas cidades e vilas que sexa atractiva para todas as persoas que reclaman solvencia, seriedade e compromiso social na xestión das súas vilas e cidades”, desenmascarando así á dereita, “que está a acabar co noso sector público baixo argumentos falaces”. 

 “Somos un partido que representa os valores do municipalismo como sinónimo de comunidade, de solidariedade e o apoio mutuo, esta idea social das nosas vilas e cidades está en risco polo continuo ataque da dereita aos concellos a través de reformas lexislativas inxustas”, afirmou. 

 Besteiro considera que “a nosa xestión municipal ten que servir como primeira barreira de protección social ante as consecuencias das políticas do Partido Popular que desgraciadamente todos coñecemos e sufrimos, xa que a dereita de Feijóo ve as cidades como meros encraves de poder partidista”. 

 “A dereita sabe que é débil nos concellos e sabe que é débil no man a man co cidadán, por iso reacciona con involución democrática, tutela, recentralización, desigualdade, privatización, perda do benestar, precariedade no emprego e anemia dos servizos públicos”, aseverou. 

En opinión do secretario xeral do PSdeG, “non podemos permitir que a dereita volva a gobernar nunha administración na que non cre, temos que traballar e afondar no noso modelo social de cidade, desde os concellos é desde onde estamos mellor capacitados para exercer de contrapoder ás políticas empobrecedoras da dereita de Feijóo”. 

 “Os socialistas temos experiencia en desenvolver políticas públicas municipais que achegaron á cidadanía unha alta calidade de vida, e o fixemos desde unha única óptica, a diferenza do que fai a dereita: desde a procura da maior rendibilidade social posible para os veciños e veciñas”, dixo. 

 Besteiro engadiu que “o cambio en Galicia comeza polo cambio nos concellos galegos, por iso agora toca traballar e convencer para defender os proxectos que inclúen aos seus veciños e que levan anos funcionando, reactivando de novo esas vilas que se quedaron paralizadas no tempo fai catro anos”. 


Candidaturas 

No comité tratouse a aprobación das candidaturas dos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, que son os que dependen do Comité Nacional (os de máis de 50.000 dependen do Federal e os de menos de 20.000, das secretarías provinciais). 

 O PSdeG confirmou que presentará candidaturas en todos estes concellos medianos, quedando xa aprobadas as listas de Narón, encabezada por Catalina García, Arteixo (Martín Seco), Ames (José Miñones), Ribeira (José Manuel Vilas), Cambre (Augusto Rey), Vilagarcía (Alberto Varela), Redondela (Eduardo Reguera), Marín (María Luz Reguera) e A Estrada (José Antonio Dono). 

En vindeiras datas coñeceranse oficialmente as de Oleiros, coa proposta de candidatura de Jorge Pérez, Carballo (Jesús Añón), Culleredo (Julio Sacristán), Ponteareas (María Jesús Garrote) e Lalín (Nicolás González), cuxos candidatos e candidatas solicitaron ampliar o prazo por razóns estratéxicas. Asimesmo, aprobarase o cabeza de lista e a candidatura definitiva de Cangas. 


Contas do PSdeG 

No relativo a situación económico-financeira do PSdeG, hoxe quedaron aprobadas no comité as contas do partido. “Podemos dicir que estamos en condicións de garantir a viabilidade económica do noso partido por ter superado satisfactoriamente os principais retos de equilibrio orzamentario e suficiencia económica que hai un ano nos marcabamos”, apuntou Besteiro. 

“A redución da débeda neste ano superará o 22,5%, cando as previsións iniciais eran poder chegar ao 17%; tódalas medidas de austeridade, eficiencia e control adoptadas teñen demostrado estar na boa dirección acadando un elevado nivel de cumprimento”, rematou o líder dos socialistas galegos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias