El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

DECRETO DE HIDROCARBUROS

Feijóo: "A Xunta pon en marcha medidas dirixidas a que os operadores baixen o prezo do gasóleo"

26-03-2015 18:39:09

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do decreto de hidrocarburos que facilitará a apertura de gasolineiras na Comunidade de cara a incrementar a competencia e diminuír os prezos dos carburantes. 

En palabras do titular da Xunta, aprobouse “o decreto polo que se regula o procedemento para a apertura de instalacións de subministración de carburantes e combustibles”. É dicir, “activamos a normativa para buscar e incrementar a competencia” na comunidade autónoma, afirmou.

Logo de incidir en que non existe ningunha xustificación obxectiva para que Galicia sexa unha das comunidades co prezo do gasóleo máis caro da península e das que menos baixou o gasóleo no ano 2014, Feijóo aseverou que, a través deste texto, a Xunta pon en marcha medidas dirixidas a que os operadores baixen o prezo do gasóleo e o equiparen ao das comunidades cos prezos máis baixos. Apóstase, polo tanto, por unha simplificación e axilización dos trámites administrativos para a implantación de estacións de servizo, e por vixiar o incremento da competitividade no mercado. 

Deste xeito, o titular do Executivo autonómico avanzou que, nun primeiro termo, o decreto crea unha xanela única para facilitar a apertura de estacións de servizo, onde a Consellería de Economía se configura como un portelo único de tramitación ante as administracións que participen na tramitación dos expedientes. É dicir, substitúese as catro autorizacións que, como mínimo, había que solicitar agora, por unha única autorización administrativa, segundo precisou Feijóo. 

En segundo lugar, o decreto busca tamén axilizar a posta en marcha de novos proxectos: reducindo a un máximo de dous meses os tempos para a emisión de informes, declaracións ou autorizacións precisas; baixando o tempo de tramitación máximo dun proxecto a seis meses dende a recepción da solicitude; e habilitando un trámite de consulta previa no que o promotor pode plantexar con anterioridade o proxecto para coñecer a súa viabilidade. 

Como terceiro punto, Feijóo referiuse á mellora do labor de control e vixilancia, de tal xeito que ningún operador supere o 30 por cento de cota de mercado por provincia e que os que xa superan o límite non poidan abrir novos establecementos. Deste xeito, garántase que ningún operador conte cunha posición de dominio. 

O responsable autonómico aseverou que coa aprobación deste decreto, a Xunta segue as indicacións apuntadas no seu día polo Consello Galego de Competencia, que avogaba tanto por facilitar a instalación de novas gasolineiras como por reforzar o control sobre as xa existentes. 

E, neste contexto, afirmou que se están a impulsar outras medidas encamiñadas a reforzar o cumprimento destas recomendacións. Así, estanse a reforzar os criterios de competencia nos procedementos de concesión ou autorización de estacións de servizo, ponderando de forma favorable e cun peso significativo que a empresa solicitante non estea presente no termo municipal ou na estrada correspondente. 

E, no contexto da Axenda Galega da Competitividade, Galicia Industria 4.0, os parques empresariais aptos para a instalación de estaciones de servizo contan xa con importantes rebaixas que poden chegar ata o 50% no custo do solo. Como apuntou o presidente, trátase, por tanto, “de mandar unha mensaxe ás operadoras que traballan en Galicia” para que os prezos do gasóleo sexan similares ao do resto das comunidades. “E o lóxico sería que estivéramos na banda baixa deses prezos”, destacou. 

Segundo matizou, non se trata de responsabilizar as gasolineiras dos prezos dos combustibles, xa que estas véndenos en función do prezo que marca o operador. Trátase de actuar sobre os operadores “para que baixe o prezo do combustible como se baixa noutros lugares de España”. De feito, constatou que “as cinco comunidades autónomas co prezo do gasóleo máis baixo de España teñen a mesma fiscalidade que Galicia” polo que matizou que “non é un problema de fiscalidade”.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias