El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

EDUCACIÓN

A Xunta volverá a conxelar as taxas universitarias o vindeiro curso

01-04-2015 17:26:48

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta volverá conxelar as taxas universitarias o vindeiro curso para que Galicia siga tendo a universidade máis barata de España. “Galicia é a Comunidade, polo tanto, coas taxas máis reducidas de España e volverá a selo no próximo curso 2015-2016”, aseverou.  

Deste xeito, no caso dos graos universitarios, o prezo medio, por exemplo, das primeiras matrículas de grao –que representan un 84,07% do total- mantense en 11,8 euros/crédito, o máis baixo de España fronte aos 33,5 euros/crédito de media doutras comunidades como Cataluña. E tamén no caso dos máster os prezos son os máis baixos, cunha media de 26,49 euros fronte aos 65,87 euros/crédito de Cataluña. 

Conscientes de que este feito ten un dobre obxectivo: é bo para os estudantes e é bo para Galicia, Feijóo precisou que a Xunta ten decidido conxelar un curso máis as matrículas de grao, tanto nas primeiras como nas sucesivas matrículas e nos másters. O Goberno galego transmitirá ao Consello Galego de Universidades esta proposta que fará que os arredor de 64.000 alumnos que van iniciar unha carreira ou a continuar os seus estudos universitarios o próximo curso 2015-2016, non teñan que pagar nin un euro máis respecto a este que está a piques de rematar. 

E Galicia volverá a ser un ano máis a Comunidade coas taxas universitarias máis baixas. Feijóo subliñou que con esta iniciativa dáse continuidade a unha política activa de apoio ao estudantado universitario. Non en van, ademais da conxelación das taxas, tamén se convocará un ano máis a liña de axudas para o inicio e continuación de estudos, dirixida a quen non cumprise os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio. 

Mantense a convocatoria das axudas dirixidas a cubrir as causas imprevistas que poidan afectar á continuación de estudos universitarios. E convocarase tamén, como cada ano, a liña específica de axudas para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en situación de desemprego. “En definitiva, temos un compromiso inequívoco coa Universidade pública galega para blindar a accesibilidade e para blindar o obxectivo de que en Galicia se un rapaz quere estudar na universidade o teña máis fácil que en calquera outro lugar do país”, aseverou. 


Dixitalización das aulas en toda a ensinanza obrigatoria 

Por outra banda, o titular do Executivo autonómico destacou tamén a activación dunha nova fase do Programa Abalar para completar a dixitalización das aulas en toda a ensinanza obrigatoria. 

“Estamos a falar de dixitalizar 2.800 aulas de 870 centros públicos, beneficiando a outros 50.000 estudantes. É dicir, pasar dun 40% de aulas públicas dixitais, que é a situación neste momento, ao 100% en todos os cursos que conforman a ensinanza obrigatoria”, explicou, ao que engadiu que, unha vez completada, esta nova iniciativa permitirá duplicar os alumnos integrados en Abalar, que superarán os 100.000. 

Para acadar estes obxectivos, Feijóo subliñou que, coa previsión de iniciar a dotación no último trimestre deste ano, o Consello da Xunta autorizou hoxe a licitación, por un importe de 11,2 millóns, do contrato de subministración dos 2.800 equipamentos de aulas dixitais, compostos por: encerado dixital interactivo; vídeo proxector; ordenador portátil para o posto de profesor; ademais da conectividade da aula. 

O responsable autonómico incidiu en que este novo paso dá continuidade ao Proxecto Abalar, que se vén desenvolvendo desde o ano 2010 e que aglutina catro eixos: dixitalización das aulas; formación do profesorado no aproveitamento das TIC na práctica educativa; uso de recursos dixitais na aula, cun repositorio de contidos dixitais xa con máis de 2.300 recursos educativos dixitais complementarios, para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos; e difusión e emprego das TIC na comunicación, onde máis de 10.000 familias seguen, por exemplo, a actividade educativa a través de abalarMóbil.

“Avanzamos, polo tanto, para facer realidade a educación dixital, que fará posible: superar totalmente a fenda dixital entre zonas rurais e urbanas. E que de cero estudantes galegos que tiñan esta opción en 2009, se pase ao 100% dos estudantes de ensinanza obrigatoria”, concluíu, a modo de resumo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias