O presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do
Consello, que o vindeiro luns comezará a funcionar en todos os
centros de saúde o servizo Conecta 72, que garante seguimento aos
pacientes hospitalizados nas horas posteriores á alta.
Como sinalou
o mandatario galego, con isto dáse cumprimento a un dos compromisos
adquiridos no último Debate sobre o Estado da Autonomía.
Máis polo miúdo,
Feijóo precisou que no momento da alta xerarase de forma
automatizada unha mensaxe na axenda do médico de cabeceira e da
enfermeira de cupo do paciente e unha cita de consulta telefónica na
axenda de enfermaría de Atención Primaria, de tal xeito que todos
os pacientes que sexan dados de alta nun hospital recibirán nas 72
horas seguintes unha consulta telefónica por parte do persoal de
enfermería do seu centro de saúde.
Así mesmo, na
chamada, o profesional valorará distintos aspectos importantes no
seguimento posterior, como por exemplo detectar posibles
complicacións de maneira precoz, comprobar que o paciente está
tomando axeitadamente os fármacos no caso de que fose medicado ou
comprobar que o paciente entendeu todas as explicacións e
recomendacións que se lle deron durante o seu ingreso hospitalario.
E, todos os datos obtidos desta consulta, máis as intervencións
realizadas, quedarán rexistrados na historia clínica electrónica
do paciente.
“Estamos
a poñer en marcha unha iniciativa novidosa que supón máis obrigas
para o persoal sanitario, concretamente o persoal de atención
primaria, e supón máis dereitos para os galegos e máis compromisos
coa sanidade pública en Galicia”, aseverou.
Por outra banda,
o titular do Goberno galego, apuntou que esta iniciativa xa comezou a
funcionar de forma pioneira en sete centros de saúde, que son o dos
Mallos (A Coruña), Fontenla Maristany (Ferrol), San Roque Lugo),
Oroso, O Carballiño, A Parda (Pontevedra), e Rosalía de Castro
(Vigo). Segundo a enquisa de auditoría realizada sobre o
funcionamento deste novo servizo, o 90 por cento dos destinatarios
considerárono útil ou moi útil dito programa.
Así mesmo, no 80
por cento dos casos indicaron que se lles axudou a comprender mellor
as recomendacións recibidas no hospital.
No caso dos
profesionais sanitarios, Feijóo destacou que afirman estar
satisfeitos co servizo e subliñan como principais vantaxes a mellora
do control dos pacientes, ou evitar posibles ingresos como
consecuencia de complicacións evitables.
Para o presidente
autonómico, esta iniciativa, que beneficiará aos arredor de 230.000
cidadáns que cada ano reciben unha alta hospitalaria, vai mellorar
de forma importante o seguemento dos pacientes trala alta
hospitalaria, incrementará a relación dos pacientes co seu servizo
de atención primaria, mellorando a continuidade asistencial.
Así
mesmo, vai facilitar e axilizar a adaptación dos coidados do doente
e axudará a previr precozmente os problemas de saúde que poidan
xurdir despois dunha intervención cirúrxica complicada ou dunha
alta hospitalaria dun paciente con pluripatoloxía ou un estado de
saúde con dificultades severas.