El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

MIPTV / CANNES

O audiovisual galego consolida a súa presenza no mercado internacional

12-04-2015 12:26:00

O audiovisual galego desembarca a partir de mañá no MIPTV de Cannes (Francia), o principal mercado internacional para os contidos dixitais e televisivos, cunha misión comercial da que forman parte un total de 11 compañías. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove e coordina esta delegación empresarial e institucional, para a que conta co apoio económico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag). Areca Films, Bambú Producciones, Ficción Producións, Filmanova, Frida Films, Intuitive Productions, Maruxiña Films, Portocabo, Somadrome, Voz Audiovisual e Zenit Televisión viaxan a Cannes na procura de oportunidades de negocio para os seus últimos proxectos e produtos televisivos. O seu punto de encontro será o espazo co que contará a marca ‘Films from Galicia’ dentro do pavillón español, organizado polo Instituto de Comercio Español (ICEX) en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal. De feito, España é o cuarto país en canto a número de delegados. 


‘TV from Galicia’ 

Baixo esta mesma marca, dedicada á promoción internacional do audiovisual de produción galega, a Agadic distribuirá no MIPTV a última edición do seu catálogo de produtos cinematográficos e televisivos, que no seu apartado ‘TV from Galicia’ recolle moitos dos títulos desenvolvidos polas empresas da delegación galega: ‘O Códice’, ‘Hospital Real’ e ‘Escoba!’, de Ficción Producións; ‘Hierro’, ‘Los hijos del Sol’, ‘The Avatars’, ‘Cartas a palacio’ e ‘Luci’, de Portocabo; ou ‘Serramoura’, ‘Padre Casares’, ‘A Parella, instrucións de uso’, ‘Louredo responde’ e ‘Chapa e pintura’, de Voz Audiovisual. 

Así mesmo, as produtoras e distribuidoras Somadrome e Intuitive Productions presentarán en primicia as súas novas longametraxes documentais, ‘Pluto.The last Frontier’ e ‘Is Anybody Out There?’, no marco do programa paralelo MIPDOC. Pola súa banda, Teresa Fernández-Valdés, a produtora executiva de Bambú Producciones, impartirá unha charla como unha das ‘Key Speakers’ seleccionadas polo MIPTV. 


Galicia Calidade  

Ademais, nesta 52ª edición do encontro, a presenza galega esténdese máis alá da representación comercial a través de Galicia Calidade, que colabora co ICEX na organización da recepción que terá lugar o martes no pavillón español e na que os produtos galegos serán os protagonistas.  

A do MIPTV en Cannes é unha das máis importantes citas internacionais do sector para a procura de socios cara á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos para televisión. O evento reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 rexístranse como compradores.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias