O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou
hoxe na Cámara galega que entre 60.000 e 70.000 alumnos contarán no vindeiro
curso cun cheque de entre 40 e 50 euros para material escolar. “Imos seguir
axudando aos que menos teñen e traballando polas familias en situación de
vulnerabilidade, con dificultades económicas”, aseverou, ao que precisou que
esta liña de axudas inclúese no Plan social contra a desigualdade económica.
En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno
da Cámara, Feijóo afirmou que a Educación é e seguirá a ser unha das
prioridades do Executivo autonómico, salientando o esforzo e compromiso da
comunidade educativa e da sociedade galega, “a través dos presupostos”.
Nesta liña, Feijóo lembrou que: 85.000
estudantes galegos teñen hoxe máis contidos en linguas estranxeiras no seu
ensino público; Galicia conta con 220 centros plurilingües; 52.000 alumnos de
5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO están a formarse nunha contorna dixital; o
alcance de Abalar esténdese xa a 2.300 aulas de máis de 500 centros educativos;
e hai un 54% máis de prazas de formación profesional.
Así mesmo, salientou que a Comunidade conta
con 10.000 novas prazas públicas de comedores escolares, “un 22% máis que cando
chegamos ao Goberno”; “aprobamos un sistema para facilitar a gratuidade dos
libros de texto ás familias con menos recursos e, hoxe, o 70% das familias
galegas poden mercar os seus libros sen achegar un só euro do seu diñeiro
familiar; e temos as universidades coas taxas máis accesibles de España, o que
permite un aforro ás familias galegas de 20 millóns de euros cada ano”.
Durante a súa intervención, Feijóo subliñou
que o esforzo conxunto permitiu que o fracaso escolar sexa 9 puntos menos que
cando gobernaba o bipartito. E, resaltou tamén que, co obxectivo de que o 100%
das aulas públicas sexan dixitais, este ano a Xunta investirá 11 millóns de
euros para dixitalizar todas as aulas do terceiro ciclo de primaria e de
educación secundaria; “e somos a primeira comunidade de España que está
traballando no proxecto de contido de libros dixitais, para o que estamos
investindo outros tres millóns de euros”.
Un concurso eólico avalado polas sentenzas do TSXG
Durante o Pleno, Feijóo referiuse tamén ás 12
sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalan a decisión do
Goberno galego de anular o concurso eólico do bipartito; “un concurso –lembrou-
cuestionado polo Consello Consultivo que dixo que tiña tachas de ilegalidade,
polos propios membros do Goberno do bipartito e polos 55 recursos que ten aínda”,
lembrou.
Diante desta situación, o responsable
autonómico subliñou que o actual Goberno tomou a decisión de “derrogar o
decreto, revisar o concurso e recuperar o tempo perdido”. “É dicir, cumprimos
co compromiso de deixar sen efecto ese concurso con tachas de ilegalidade”,
incidiu.
O titular da Xunta concluíu precisando que,
na actualidade, o 83% do concurso eólico de 2010 está xa en trámite, cunha
execución de 800 millóns de euros e a xeración de 1.800 postos de traballo. “E
o canon eólico permitiu recadar 137 millóns que se están redistribuíndo nos
concellos e na Xunta para facer, entre outras cousas, política social”,
engadiu.