El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Sociedad

Sogama, premio Cantábrico Excelente 2015

27-06-2015 16:46:09
Os premiados Cantábrico Excelente 2015.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, recolleu onte, día 26, en Oviedo, o premio Cantábrico Excelente 2015, un galardón concedido á empresa pública na modalidade de xestión medioambiental e que pon de relevo o labor que a sociedade, participada no 51% pola Xunta de Galicia e no 49% restante polo grupo Gas Natural, leva a cabo a través da correcta xestión e tratamento dos residuos urbanos producidos por 295 concellos galegos.   

No transcurso da súa intervención, Domínguez Lino agradeceu ao xurado a concesión deste premio a unha empresa pública que traballa “polo benestar e a calidade de vida de todos os galegos”. O xurado tivo  en conta o cometido industrial de Sogama e a súa infraestrutura, plenamente adaptada ás particularidades de Galicia, tanto a nivel xeográfico como orográfico e de dispersión de poboación. Así mesmo, valorou de forma positiva o seu carácter global, toda vez que atende ao conxunto da comunidade, e integral, dando cumprimento á normativa vixente e á estratexia xerarquizada de residuos, xa que complementa a aplicación do principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), cun cuarto erre, o da recuperación enerxética da fracción non reciclable, relegando o vertido a último lugar.   

Tamén se destaca o seu carácter solidario, pois aplica o mesmo prezo a todos os concellos adheridos ao seu modelo, con independencia da distancia ao centro de tratamento, prestando o seu servizo en igualdade de condicións.   

As ambiciosas medidas de protección ambiental constitúen outro dos seus avais, permitíndolle levar a cabo unha tarefa absolutamente respectuosa co medio ambiente e a saúde pública. De feito, a empresa, a través das mellores tecnoloxías dispoñibles, garante que as súas emisións se atopen en todo momento moi por baixo dos límites legais. Así o corroboran as medicións en continuo da meirande parte dos parámetros.   

Sogama aborda agora a ampliación das súas instalacións a través da posta en marcha dunha planta de recuperación dos envases contidos no lixo en masa, pretendendo con isto incrementar a súa achega á reciclaxe e cumprir cos obxectivos europeos previstos para o ano 2020, que esixen o reciclado de, alomenos, o 50% dos residuos. Tamén construirá unha planta de compostaxe industrial para o tratamento da fracción orgánica. Ambas actuacións suporán un investimento aproximado de 32 millóns de euros.   

Recoñecemento europeo Tras anos de actividade, a Sociedade Galega do Medio Ambiente chegou a converterse nun referente europeo. E como exemplo, o informe ex post, feito público no ano 2012, e que no seu momento encargou a Comisión Europea, a través da Unidade de Avaliación da Dirección Xeral de Política Rexional, a un consorcio independente de consultoras, acreditando o seu equipo técnico os beneficios que a compañía ten para o medio ambiente, a economía e a cohesión social.   

Mentres que desde a dimensión ambiental subliñouse a súa contribución ao peche dos vertedoiros incontrolados e ilegais, e a adopción dunha tecnoloxía de valorización enerxética respectuosa coa contorna natural, a nivel económico incidiuse na creación de emprego, a produción e venda de electricidade, co conseguinte aforro de combustibles fósiles, a contribución ao mercado da reciclaxe e o desenvolvemento do capital humano.   

Neste sentido, destacouse igualmente o esforzo da empresa en manter un alto nivel de transparencia informativa e a súa significativa contribución á educación ambiental da poboación galega, poñendo de relevo a importante función que a Sociedade veu desempeñando na concienciación e sensibilización ambiental da poboación a través de instrumentos tales como campañas específicas dirixidas a distintos sectores, programa de visitas ás súas instalacións, ferramentas didácticas e divulgativas de apoio, proxectos escolares e un longo etcétera de iniciativas.   

Tamén foi valorado o seu programa de compostaxe doméstica, ao que na actualidade están adscritas máis de 150 entidades, entre elas un cento de concellos que viron no mesmo unha forma de reducir a produción de residuos en orixe e pechar o ciclo de reciclaxe dos mesmos, converténdoos nun abono natural con excelentes propiedades para o solo. A día de hoxe, Sogama xa repartiu máis de 4.400 composteiros.   

Ademais de Sogama, no evento de Oviedo foron galardoadas compañías de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco que destacaron pola súa actividade no ámbito empresarial, científico, industrial e comercial. Os premios Cantábrico Excelente están organizados pola firma editora Suplementos e Monográficos, S.L.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias