El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

PREMIOS DA CULTURA

O 16 de Xullo remata o prazo para a presentación de candidaturas

04-07-2015 16:40:06

As entidades e institucións interesadas en presentar candidaturas para os Premios da Cultura Galega 2015 poderán facelo ata o vindeiro día 16 de xullo. Entre as propostas realizadas, un xurado conformado por representantes das principais institucións culturais e por profesionais independentes será o encargado de decidir as persoas ou entidades galardoadas nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e mais Proxección Exterior.   

Poderán ser candidatas aos premios as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se distingan pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente, mentres que as candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.   

As candidaturas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, aínda que tamén se poderán presentar en soporte papel utilizando o formulario normalizado dispoñible na dita sede.   


Xurado de dez membros 

O xurado que valorará as propostas, formado por un máximo de 10 membros, estará presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e actuarán como vogais o presidente do Consello da Cultura Galega, o reitor dunha universidade galega –que na edición de 2015 será a Universidade da Coruña– o presidente da Real Academia Galega e o presidente da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, ou persoas designadas por eles; xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e catro profesionais de recoñecido prestixio designados pola Consellería de Cultura e Educación.   


Distinguir o traballo e a calidade da cultura galega 

Recoñecer a creatividade, o traballo e mais a calidade da cultura galega actual é o principal obxectivo destes galardóns convocados pola Xunta de Galicia, que na súa edición de 2014 distinguiron a Xosé Neira Vilas, á Galería Trinta, a Cándido Pazó, ao Festival Ortigueira, á Asociación Galega de Produtoras Independentes, a David Mackenzie, ao Grupo Marcelo Macías e ao Centro PEN Galicia, nas respectivas modalidades.   


Recoñecer excelencia no ámbito creativo 

A Xunta de Galicia convoca anualmente varias distincións á excelencia no ámbito creativo, ademais de participar e colaborar noutros premios promovidos por distintas entidades e institucións, boa parte deles recollidos en diferentes capítulos desta memoria.   

No caso dos Premios da Cultura Galega, os valores recollidos no recoñecemento anual que a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, convoca cada ano a través destes galardóns son a calidade creativa, o labor constante en prol do desenvolvemento da cultura, a capacidade de tender pontes con outras culturas e linguas, a experimentación con novos formatos e a proxección internacional da produción cultural.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias