El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Sociedad

RUTA DOS VIÑOS DE MONTERREI

Éxito do programa "Galicia a todo tren"

18-07-2015 20:39:34

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na viaxe inaugural do Tren turístico da Ruta dos viños de Monterrei e salientou o éxito deste programa posto en marcha en 2013 baixo a denominación ‘Galicia a todo tren’, que o ano pasado logrou unha ocupación do 82% e en 2015 ampliou a súa capacidade ata chegar ás 2.524 prazas, 74 máis que na edición anterior.   

Nava Castro lembrou que este programa está promovido por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Inorde, e inclúe sete itinerarios relativos ás rutas dos faros, dos pazos e xardíns históricos, dos viños de Monterrei, dos viños da Ribeira Sacra, dos viños das Rías Baixas, dos viños do Ribeiro-Rías Baixas e dos viños de Valdeorras-Ribeira Sacra.   En 2015, manifestou Nava Castro, “melloramos os itinerarios e desenvolvemos novos proxectos que amplían a oferta turística de Galicia e fomentan o desenvolvemento sostible do sector turístico galego”.   

Cada unha das rutas pódese realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, o programa ofrece servizo de guía especializado durante todo o percorrido, traslados complementarios en autocar, entradas a todos os puntos de interese e outras actividades.   


Tren do Viño de Monterrei 

A directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polo percorrido do tren da Ruta do Viño de Monterrei, lembrando que circula entre as estacións de Ourense e A Mezquita-Vilavella con traslados ao Castelo de Monterrei e ao túnel dos viños da Denominación de Orixe Monterrei, onde se celebra unha cata comentada.   

Ademais, realízase unha visita a unha adega desta denominación de orixe protexida e visítanse as vilas de Verín e Allariz.   O itinerario continúa con visitas a Xunqueira de Ambía e a Baños de Molgas, onde antes de regresar a Ourense, os viaxeiros visitan o museo Moncho Borrajo.   


Programa ‘Vive o Castelo’ 

Como complemento á oferta turística da comarca de Monterrei para este verán, Nava Castro tamén se referiu ao programa cultural ‘Vive o Castelo’, que se desenvolverá entre os días 23 de xullo e 20 de agosto.   
Trátase dun conxunto de actividades que “inciden no carácter público” deste monumento, engadiu Nava Castro, “dotando de contido este enclave e promovendo e protexendo a diversidade cultural da nosa comunidade”.     

Este programa cultural inclúe a mesa redonda ‘Monterrei ao longo dos séculos’, nove visitas guiadas e teatralizadas, a actuación do Trío Talabarte, a gala ‘Circo no Castelo’, o ciclo ‘Música no Castelo’, con Emilio Rúa, Uxía e Narf, Guadi Galego e Guezos, e ‘Castelo de Contos’, unha actividade de contacontos na que participarán ‘Os quisquilláns’, ‘Daboapipa’ e Paco Nogueiras.   


Datos turísticos 

 Por último, a directora de Turismo de Galicia fixo unha mención á demanda turística da Comunidade galega en xeral e da provincia de Ourense en particular. Así, segundo Nava Castro, no que vai de ano Galicia acadou máis de 1.250.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 10.8% en relación ao mesmo período do ano anterior. “Este –manifestou- é o volume de turistas máis elevado dos últimos cinco anos”.   

Polo que respecta á provincia de Ourense, a directora de Turismo de Galicia revelou que nos cinco primeiros meses do ano rexistráronse preto de 100.000 viaxeiros que realizaron 178.496 pernoitas, o que supuxo un incremento do 8% no número de turistas e do 8,5% no de estancias.   





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias