El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

Feijóo anuncia unha nova ampliación dos recursos da Risga

23-07-2015 17:18:49

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello unha nova ampliación dos recursos para atender aos beneficiarios da Risga e a decisión de axilizar os mecanismos para resolver as solicitudes.   

Logo de recoñecer que a loita contra a exclusión social ten sido un dos principais obxectivos do Executivo autonómico, “e seguirao sendo tamén neste momento”, Feijóo precisou que con esta ampliación de recursos rematarase o ano cun orzamento de máis de 53 millóns de euros, é dicir, máis de 5 millóns sobre o previsto ao inicio do ano e un 133% máis que en 2009, cando o orzamento era de 22,7 millóns.   

No tocante á axilización dos mecanismos para resolver as solicitude, o titular da Xunta afirmou que o obxectivo é que todas elas se resolvan e notifiquen nun prazo de 60 días, “de forma que poidamos atender –dixo- todas as solicitudes con dereito xa presentadas no primeiro semestre do ano e as que se presenten no último semestre do 2015, é dicir, de xeito que a lista de espera dos solicitantes da Risga sexa cero”.   

Con esta iniciativa, Feijóo afirmou que o Goberno galego renova e reforza o seu compromiso coas persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social, conscientes de que son un colectivo con dificultades. “Xa o demostramos facendo compatible a percepción da Risga cos primeiros momentos dun postos de traballo; incrementando todos os anos o orzamento; e, finalmente, axilizando a tramitación para que a lista de espera sexa a mínima e garantir a seguridade do proceso, é dicir, unha lista de espera equivalente na práctica a cero”.   

Durante a rolda de prensa, o responsable autonómico destacou que o pasado ano 2014 pechouse con 12.348 beneficiarios acumulados, un 8,3% máis que en 2013, se ben por primeira vez rexistrouse un descenso no número de solicitudes presentadas, unha tendencia que se consolida no primeiro semestre de 2015, no que existe un descenso do 13% con respecto ao mesmo período do ano anterior.   


Axencias de colocación como entes colaboradores do Servizo Público de Emprego 

Por outra banda, o titular da Xunta destacou tamén a decisión de que as axencias de colocación poderán ser entes colaboradores do Servizo Público de Emprego de Galicia a partir do mes de outubro.   

Máis polo miúdo, o presidente do Executivo galego explicou que este acordo, que se realiza ao abeiro do acordo marco estatal, ten como principal obxectivo ampliar a intermediación no mercado laboral do colectivo de desempregados con especiais dificultades de inserción.   

Os destinatarios desta medida serán: os beneficiarios do programa Activa ou maiores de 45 anos con máis de dous anos de desemprego; os desempregados de entre 26 e 44 anos con menos de 6 meses de desemprego; os beneficiarios da RISGA, maiores de 45 anos e con máis de 2 anos de desemprego; os menores de 25 anos con formación e menos de 6 meses de desemprego, e as persoas de entre 45 e 54 anos con menos de seis meses de desemprego.   

Feijóo precisou que o Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de coordinar todo o proceso e seguilo directamente: “Así –explicou-, será o Servizo Público de Emprego o que remita aos desempregados ás axencias; e, estes recibirán unha atención integral, que comprenderá calquera actuación (orientación, formación, intermediación...) que sexa positiva para o seu acceso ao mercado laboral”.   

De acordo co que se establece nos pregos de contratación, a Xunta aboará unha contía por cada contrato obtido, sempre que este sume un total de 6 meses nun período de 8, ou no período dun ano para o caso dos traballadores fixos discontinuos.   

Para este programa, a Xunta conta cunha partida de 4,9 millóns de euros. E, poderán optar a este programa as axencias autorizadas polo Estado que teñan un centro aberto en Galicia e que presentaran declaración responsable a 30 de abril (en total, neste momento son 22).   

Feijóo afirmou que con esta iniciativa ábrese unha nova posibilidade de apoio para as persoas que queren traballar e non poden, coa supervisión do Servizo Público de Emprego





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias