El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

Esquerda Unida acusa a Autoridade Portuaria de A Coruña de xogar ao pelotazo

30-07-2015 16:40:29

A Coruña.- A Autoridade Portuaria reclama, en contra do criterio do Concello, a privatización dos peiraos para a edificación de vivendas e oficinas. A Autoridade Portuaria esixe ao Goberno municipal que cumpra cos convenios asinados en 2004 polo alcalde Francisco Vázquez, polos que se acordaba a venda a mans privadas.   

Esquerda Unida acusa a Autoridade Portuaria de xogar ao pelotazo urbanístico no canto de loitar por mellorar a actividade portuaria. Nos últimos tempos o porto ten aportado máis ás operacións urbanísticas especulativas que á mellora da industria e o emprego. No lugar da construción de centros comerciais e indecentes túneles millonarios que hipotecan a cidade, a tarefa principal da Autoridade Portuaria debera ser pular por mellorar os resultados do tráfico portuario e facer cumprir as normativas. Se no tocante ás normativas hai queixas continuas da veciñanza polos protocolos incumpridos durante as descargas, no lugar do aumento do tráfico portuario as actuacións máis destacadas xiraron entorno ao formigón e ao desmantelamento produtivo.   

A Agrupación local de EU propón a adaptación do Peirao do Centenario ao tráfico de contedores. No lugar da construción de máis vivendas, cando na cidade se estima que hai vinte mil valeiras, defendemos a necesidade de aumentar o emprego industrial. De feito, levamos anos pulando por esta medida, pois entendemos que sería unha excelente fonte de riqueza e xeración de emprego. Non se pode ignorar que o transporte marítimo constitúe o 90% do comercio mundial e deste un 75% faise a través de contedores. 

Un sector que se atopa en continuo crecemento, segundo datos da ONU estímase que no 2015 o tráfico de contedores entre América e Europa chegará aos seis millóns de unidades. Na actualidade A Coruña tan só capta preto do 0,1%, a pesares de que pola nosa localización podería acadar, segundo diversos estudos, entre un 6 e u 9% do tráfico, é dicir, entre 360.000 e 540.000 contedores anuais que son a capacidade de negocio que permitirán os 180.000 m2 do Peirao do Centenario unha vez trasladadas a Punta Langosteira todas as actividades actuais de graneis, carbón ou cereais. O impacto económico en termos de xeración de emprego desta actividade, que establece un coeficiente de 6,5 postos de traballo por cada 1000 contedores, significaría un rendemento de entre 2340 e 3510 novos empregos.   

O Consello Político Local de EU quere remarcar que “cada venda do patrimonio público nos empobrece, os terreos portuarios son espazos estratéxicos vitais para o desenvolvemento que deben dirixirse ao emprego e non á especulación. Resulta chamativo que mentres o PP e o PSOE se negan a reducir salarios dos responsables políticos e os custes do goberno, as persoas nomeadas por eles, en institucións como a Autoridade Portuaria, chamen a unha privatización constante e suicida aludindo a problemas de financiamento”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias