Segundo os
datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no
pasado mes de xullo Galicia experimentou un incremento do 21,1% na cifra de
viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de
561.189, e do 16,8% no caso das pernoitas, rexistrando preto de 1,1 millóns
neste sétimo mes do ano. Estas cifras permitiron que a nosa Comunidade acadase
un máximo histórico tanto no que atinxe ao volume de viaxeiros aloxados como ás
pernoitas.
A nivel
estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con
melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que
incrementáronse un 7,2% e un 5,9% respectivamente.
Galicia foi
a comunidade autónoma que rexistrou a taxa de crecemento de viaxeiros máis
elevada do conxunto do Estado, superando en máis de catro puntos o dato de Asturias,
segunda comunidade do ránking.
En termos de
mercado, o turismo interno da Comunidade -correspondente ao dos residentes en
Galicia- incrementou nun 15,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 12,0% as
súas pernoitas. Grazas a estes incrementos, Galicia recuperou o pasado mes de xullo
os niveis de turismo interno dos anos previos á crise.
O turismo
receptor nacional -aquel que se corresponde cos españois procedentes doutras
comunidades autónomas- subiu tamén de forma notable neste mes de xullo,
rexistrando un aumento dun 17,2% nas pernoitas e dun 21,4% na cifra de
viaxeiros aloxados, acadando un máximo histórico con preto de 285.000.
Pola súa
parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento rexistrada nos
últimos anos, acadando no pasado mes de xullo máximos históricos tanto de
volume -con máis de 150.000 viaxeiros aloxados e 240.000 pernoitas- como de
peso dentro da estrutura da demanda –representando o 27,4% do total de
viaxeiros e o 22,1% das pernoitas-.
A nivel
territorial as catro provincias galegas rexistraron un comportamento positivo
da demanda hoteleira, con incrementos de notable intensidade en todas elas,
rexistrando Pontevedra un incremento do 19,5%, Ourense do 18%, Lugo do 17% e A
Coruña do 14%.
En canto aos
niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora
en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en sete puntos porcentuais,
situándose na cifra máis elevada dos últimos nove anos e superando, polo tanto,
a cifra do último ano Xacobeo 2010.
Tamén as tarifas
hoteleiras en Galicia subiron neste sétimo mes do ano, nun 3,9%. A mellora
dos niveis de demanda e ocupación neste mes de xullo, acontecida nun contexto
de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da
comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de
2014 –o RevPAR subiu un 22,4%-. Neste mes Galicia rexistrou a cuarta taxa de
crecemento máis importante de toda España.
Acumulado do ano
No primeiros
sete meses do ano Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros
aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade do 14,6% en relación ao
pasado ano, rexistrando máis de 2,1 millóns. Melloraron tamén as pernoitas
incrementándose un 10,2% neste caso e rexistrando preto de 4 millóns neste
período.
É o segundo
ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda
neste período de sete meses, circunstancia que leva a que Galicia rexistre no acumulado
de 2015 un máximo histórico de viaxeiros aloxados superando nun 6% a cifra do
último Xacobeo 2010. Así mesmo, en termos de pernoitas Galicia acadou neste
período a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.
A nivel
estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 6,0%
no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,9% no que atinxe ás pernoitas.
En termos de viaxeiros, Galicia rexistrou a porcentaxe de crecemento máis
elevada do conxunto do Estado.
O turismo
interno incrementouse neste sete primeiros meses do ano nun 3,8% as súas
pernoctacións e nun 9,7% os seus viaxeiros aloxados.
O turismo
receptor nacional incrementou tamén, nun 11,6% as pernoitas e nun 14,0% os
viaxeiros, mentres que o internacional subiu un 15,2% as súas pernoitas e un
20,5% os viaxeiros aloxados.
O notable
incremento do turismo internacional levou consigo que este mercado acadase un
máximo histórico tanto de volume –con máis de 620.000 viaxeiros aloxados e
960.000 pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 28,9% dos
viaxeiros e o 24,5% das pernoitas-.
Como
consecuencia da mellora dos volumes de demanda os niveis de ocupación do sector
hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en máis de tres
puntos porcentuais, ata situarse na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.