O
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Consello aprobou
o Plan de Banda Larga de Galicia 2020 para que os galegos teñan acceso equitativo
a redes ultrarrápidas de telecomunicacións, capaces de proporcionar servizos de
entre 30 e 100 megas. Segundo engadiu, trátase de garantir aos cidadáns,
emprendedores e administracións os servizos máis avanzados que permiten as
tecnoloxías.
O titular da Xunta explicou que continuar
mellorando as condicións de acceso dos galegos á banda larga é un dos máis
importantes compromisos do Goberno autonómico no eido das tecnoloxías. Así, despois
do esforzo histórico realizado para estender a banda larga ao conxunto dos
galegos, agora búscase ir máis alá porque, segundo Feijóo, ese compromiso non
só pode medirse na cantidade de persoas que teñen acceso a banda larga, senón
tamén na calidade dese acceso.
O balance
da banda larga en Galicia ata agora
Para o presidente do Goberno galego, os últimos
anos foron fundamentais para dar un salto cualitativo importante no que atinxe
á cantidade de galegos con acceso a banda larga. De feito, da situación que
había a principios de 2009, con máis de 786.000 galegos sen acceso a Internet,
pasouse a que a práctica totalidade dos galegos, dos servizos públicos e os
parques empresariais de Galicia conten con acceso de polo menos 2 megas de
velocidade a través de redes fixas, sen fíos ou vía satélite.
Así mesmo, o 50% da poboación ten acceso a redes
con velocidades de ata 200 megas e reforzáronse e ampliáronse as
infraestruturas do operador público Retegal, que terán un papel chave para
implementar e axilizar os novos despregamentos.
Ditas actuacións permitiron un incremento dun 51%
dos fogares galegos con conexión a Internet; que o 70% dos fogares dispoñan
deste servizo fronte ao 46% do ano 2010; que nos últimos catro anos Galicia
reducise a fenda en contratación de Internet en máis de 8 puntos coa media
estatal e en preto de 7 puntos coa media europea; que todos os núcleos de máis
de 10.000 habitantes superen a media galega de contratación a Internet e os de máis
50.000 sitúanse por riba da media estatal; e que Galicia sexa a terceira
comunidade en incremento do uso regular de Internet.
A folla de
ruta a partir de agora
Feijóo puxo en valor así o traballo dos últimos
cinco anos pero fixo fincapé na importancia de seguir traballando para garantir
a máxima calidade do acceso á banda larga, algo que garantirá o Plan aprobado
hoxe, a través do cal se asumen os compromisos de dar cobertura de banda larga
de cando menos 30 megas para a práctica totalidade da poboación, así como
servizos de banda larga por riba dos 100 megas para os núcleos de poboación de
máis de 500 habitantes, ou o que é o mesmo, para o 60% dos galegos.
Para
acadar estes obxectivos, como sinalou o titular da Xunta, o Plan de Banda Larga
2020 fixa un investimento concreto e tres itinerarios de actuación claros. En
canto ao investimento, a previsión é destinar 100 millóns de euros nos próximos
cinco anos, resultado de sumar, por unha banda, 46 millóns entre financiamento público e
privado ao abeiro deste Plan aprobado hoxe e, por outro lado, 44 millóns de
euros previstos polo Estado para Galicia, dentro do
programa Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración, xunto co
investimento privado inducido por esta actuación.
Ditos
recursos destinaranse a tres itinerarios de actuación: promover o acceso á
banda larga de alta velocidade para todos os galegos, garantir un entorno
favorable para axilizar a extensión de infraestruturas e favorecer a demanda de
servizos de banda larga.
En canto
ao primeiro obxectivo, o titular da Xunta sinalou o fin de desenvolver accións
que permitan ampliar as infraestruturas de redes ultrarrápidas. Así, a
principios de 2016 abrirase a primeira
convocatoria pública para incentivar os despregamentos de redes de 100 megas.
O primeiro
obxectivo é que en 2020 dispoñan deste servizo todos os núcleos de máis de 500
habitantes, o 60% da poboación da
Comunidade. En calquera caso, tratarase de adiantar ao máximo posible este
obxectivo para que xa en 2017 case o 51% da poboación teña acceso a estas redes.
En segundo
lugar, o Plan dotará tamén de redes ultrarrápidas destas velocidades ao 55% dos polígonos e parques empresariais (un
total de 91), o que supón case o 90% da superficie empresarial ocupada en Áreas
Empresariais de Galicia.
Segundo
informou Feijóo, a seguinte convocatoria estará destinada aos despregamentos de
redes de 30 megas para conseguir que a
práctica totalidade da poboación (96%) e todos os polígonos e parques
empresariais dispoñan desta cobertura de banda larga ultrarrápida. Para o 4%
restante, a porcentaxe de poboación das zonas máis illadas da Comunidade,
executaranse medidas de apoio para que poidan acceder vía satélite.
En relación ao segundo itinerario de actuación, o titular da Xunta
precisou que abarca o desenvolvemento de actuacións que faciliten a
coordinación dos axentes implicados para garantir unha rápida e ampla extensión
de redes de banda larga de alta velocidade.
Neste
senso, entre as actuacións previstas están a definición dun modelo de ordenanza
municipal de telecomunicacións que promova a homoxeneidade e simplificación dos
trámites necesarios nos despregamentos; a elaboración dunha serie de
recomendacións comúns para a inclusión das infraestruturas de banda larga nos
instrumentos de planeamento urbanístico; así como a posta a colaboración co
resto de administracións públicas para a identificación centralizada das
infraestruturas útiles para os despregamentos de redes.
En canto ao terceiro itinerario, a Xunta tamén se propón estimular a demanda
de servizos de banda larga incrementando así o número de usuarios conectados á
Rede.
Deste
xeito, en aliñamento coa estratexia de inclusión dixital, impartiranse cursos
formativos específicos para aumentar a capacitación dixital da cidadanía e empresas
e, á súa vez, continuaranse a desenvolver actuacións de sensibilización e
difusión sobre a utilidade dos servizos
de banda larga.