El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Nacional

A Xunta e a ONGD axudan aos refuxiados sirios

29-11-2015 21:09:34

A Vicepresidencia da Xunta e a ONGD ‘Farmamundi’ volven colaborar nunha intervención de emerxencia para atender as necesidades básicas de alimento de miles de refuxiados que sofren o conflito sirio. Con esta intervención proverase dun lote de alimentos e leite infantil a unhas 2.100 persoas durante dous meses. 

A intervención realizarase en colaboración con JAFRA Foundation for Relief and Youth Development, o habitual socio local de ‘Farmamundi’ no terreo, que coordina o seu traballo con ACNUR e UNRWA. O custe ascende a 13.000 euros. A piques de que se cumpran cinco anos desde que iniciou o conflito sirio, a situación segue sendo crítica, con 220.000 mortes, once millóns de desprazados, 3,9 millóns de persoas refuxiadas e 12,2 millóns de persoas dependentes da axuda humanitaria para a súa supervivencia.   

Antes do conflito, o campo de refuxiados de Al Yarmouk, situado a 8 quilómetros  ao sur de Damasco, foi o fogar de preto de 160.000 persoas, a maioría refuxiados palestinos. Instalado no 1957, Al Yarmouk tornouse en poucos anos nun dos maiores campos de Oriente Medio e nun dos distritos mais populosos e importantes da capital Siria.   

Todo comezou a cambiar cando, tras a eclosión do conflito interno, Al Yarmouk convértese nun punto de recepción da poboación desprazada internamente, chegando a acomodar máis dun millón de persoas durante o verán de 2012. A situación complicouse cando unha parte do campo é tomada polos rebeldes e as tropas do goberno responden sitiando a zona, impedindo a entrada e saída de persoas e produtos para a atención das necesidades básicas, como alimentos, materiais médicos, combustible, etc.   

Para empeorar mais a situación, o pasado abril o autodenominado Estado Islámico tomou o campo de Al Yarmouk ameazando profundamente as vidas dos homes, mulleres, nenos e nenas, sirios e palestinos por igual, nel atrapados. Por esta razón, a maioría das persoas foxen en busca doutros lugares mais seguros, quedando atrapados no campo unhas 18.000 persoas que teñen sido vítimas de bombardeos e violentos enfrontamentos entre o Exército e grupos rebeldes. Desde xullo de 2013, preto de 200 civís morreron por falta de comida, medicinas, atención médica adecuada e disparos dos francotiradores. Por esta razón é vital que a axuda continúe, en particular en forma de alimentos, garantindo que a poboación civil poda dar cobertura as súas necesidades humanitarias mais básicas.   

Esta actuación súmase a outras que Xunta e ‘Farmamundi’ realizan conxuntamente desde o ano 2009 no marco dun convenio de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano. Ao longo destes anos activáronse operativos de resposta ante diferentes emerxencias, como o terremoto en Haití, os tifóns Ketsana e Hayan en Filipinas, o conflito na República Democrático do Congo ou as choivas torrenciais no Salvador e Nicaragua, entre outras. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias