El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

Toma de posesión de Arturo Parrado Puente como director xeral de Inclusión Social

01-02-2016 17:21:30
Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asistiu hoxe á toma de posesión de Arturo Parrado Puente, ata hoxe responsable da Axencia Administrativa da ONCE en Santiago de Compostela, como director xeral de Inclusión Social, no que avogou por unha sociedade “na que todos vivamos en pé de igualdade”. O acto, que se desenvolveu en San Caetano, contou tamén coa presenza do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; do presidente e do delegado do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro e Manuel Martínez Pan, respectivamente; así como do máximo representante do Comité de Entidades Representantes de Persoas Con Discapacidade de Galicia (CERMI), Anxo Queiruga Vila.   

Núñez Feijóo valorou a traxectoria profesional de case 20 anos en diferentes postos de responsabilidade da ONCE que precede ao novo alto cargo da administración autonómica sinalando que o traballo a prol das persoas con discapacidade visual que levou a cabo dende a devandita organización agora o poderá seguir facendo dende a administración para todos os galegos e galegas. O dirixente autonómico manifestou que “aínda temos moitas materias pendentes de aprobar no campo da inclusión e por iso o pasado mes de outubro decidimos crear unha nova Consellería de Política Social cunha Dirección xeral específica para este ámbito”.   

Nesta liña, o presidente do Executivo galego indicou que a pesar de que o orzamento da Xunta se reduciu en máis de 2.000 millóns de euros nos últimos oito anos -pasando dos aproximadamente 11.000 millóns de euros das contas xerais de 2008 aos arredor de 8.800 actuais- este ano 2016 o presuposto da Xunta “é menos esixente porque temos superado os peores momentos”. Núnez Feijóo explicou que este contexto permite, por un lado: esixir menos impostos ao eximir ao 99% dos galegos e galegas da taxa impositiva de sucesións, volver a baixar o IRPF a partir da nómina deste mes de xaneiro ou diminuír os impostos no contorno rural. E, por outro, dar un novo impulso ás políticas sociais con novas medidas e propostas, así como dotar á Dirección Xeral de Inclusión dun 25% máis de orzamento que o exercicio anterior.   

Así mesmo, Núñez Feijóo fixo fincapé en que a inclusión é unha cuestión transversal que afecta ao conxunto do Goberno autonómico porque non soamente se cingue ás políticas sociais senón que abrangue tamén cuestións relativas a vivenda, urbanismo, medio ambiente e infraestruturas; porque “a inclusión social significa que todos vivamos en pé de igualdade nunha sociedade que ás veces se esquece dunha parte desa sociedade”, dixo. Ao respecto, sinalou que o novo director xeral da área “é a voz desas persoas esquecidas, e para dicirlle aos demais que a sociedade non está plena sen elas”.   


A prioridade é a xente 

Pola súa banda,  José Manuel Rey Varela, felicitou a Parrado Puente pola súa incorporación ao equipo da Consellería de Política Social, que “traballa para facer cumprir a encomenda do presidente Alberto Núñez Feijóo de que a recuperación das contas públicas chegue a todas as familias e que os bos números da economía se traduzan en ilusións, en esperanza e nun mellor presente e futuro para todos os galegos e galegas”.  Ao respecto, explicou que “a esta vontade responde o feito de que por primeira vez o organigrama do Goberno galego conte cunha dirección xeral específica destinada aos colectivos que peor o están a pasar e especialmente reforzada nos orzamentos da Xunta de Galicia para este ano 2016”.   

Na súa intervención, o conselleiro indicou ao novo responsable de Inclusión Social que ten un importante reto por diante e un traballo de proximidade coa xente e de colaboración coas entidades. “O máis importante é estar cerca das persoas e das entidades, organizacións e axentes que traballan coas persoas que peor o están pasando porque é aí, e non nos despachos, onde está a realidade”, manifestou.   

Ademais, Rey Varela insistiu  na “necesidade de intensificar a cooperación coas entidades e outras administracións co obxectivo común de que os servizos sociais non sexan da Xunta, das deputacións ou dos Concellos, senón que sexan de todos os galegos e galegas”.   


Diálogo coas entidades sociais 

Por último, Arturo Parrado Puente agradeceu a confianza depositada nel e dixo que desempeñará o seu traballo ao fronte da Dirección Xeral de Inclusión Social “con lealdade, con honestidade e co maior dos compromisos coas políticas sociais e de inclusión social da Xunta de Galicia”. E, ao fío disto, engadiu que “comezo unha nova etapa na miña vida que afronto como un reto, con ilusión e coa obriga de traballar con responsabilidade e profesionalidade dende a Administración en favor da inclusión”.   

Neste sentido, o novo director xeral marcouse como obxectivo “traballar en facer que as persoas e as familias que peor o están pasando nestes momentos poidan vivir un pouco mellor, teñan máis benestar e unha maior calidade de vida”. Unha tarefa  para a que quere contar co resto das administracións así como coas entidades sociais de Galicia “porque elas son as que mellor coñecen a realidade destas persoas”, declarou.   

Parrado Puente apuntou que co nomeamento e toma de posesión dunha persoa con discapacidade visual como alto cargo da Xunta “Galicia está dando un exemplo de inclusión; e agardo e desexo que isto sexa o inicio para que as administracións e as entidades traballen aínda máis xuntas pola igualdade das persoas”   


Traxectoria profesional 

Parrado Puente, de 53 anos de idade, é natural do concello coruñés de Teo. A súa relación profesional coa ONCE comezou en outubro de 1996 como asesor técnico da empresa da Fundación ONCE “Sistemas Integrais Sanitarios”, compañía de ámbito estatal encargada da xestión e tratamento de residuos sanitarios e na que traballou ata febreiro de 1998.    

Así mesmo, durante nove anos –entre febreiro de 1998 e maio de 2007- foi xefe do departamento de Servizos Sociais para Afiliados da Delegación Territorial da ONCE en Galicia. As maiores responsabilidades nesta entidade desempeñounas dende o ano 2007, primeiro como director da ONCE en Vigo -de maio de 2007 a maio de 2011- e despois en Santiago de Compostela, posto que ocupou nos últimos catro anos.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias