El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

A planta de PSA competirá por un novo modelo

05-02-2016 20:17:01
O presidente da Xunta, Núñez Feijóo.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posibilidade de elaborar un proxecto de lei de lectura única para solucionar de xeito definitivo o bloqueo que afecta aos proxectos de futuro da factoría PSA Peugeot-Citröen, logo da anulación do PXOM de 2008. Así o manifestou despois manter unha xuntanza co director da planta viguesa, Yann Martin.

“Esta é unha situación excepcional que require unha lei excepcional”, aseverou, logo de volver facer un chamamento aos grupos parlamentarios para que o vindeiro martes se poda debater a emenda a un dos artigos da Lei do solo, que solucionaría os problemas urbanísticos da factoría, “con independencia –precisou- de que os grupos posteriormente voten o que consideren oportuno”.

“Este martes imos aprobar a Lei do solo en Galicia e hai unha posibilidade de que nesa lei xa se dea a seguridade xurídica que esta factoría necesita. Espero que ese día solucionemos un problema que xorde como consecuencia do decaemento do plan xeral, un problema que está enraizado no ámbito local e espero que non se contaxie ao ámbito autonómico. Creo que 7.000 postos de traballo directos e case 25.000 indirectos merecen que no Parlamento poidamos discutir esa emenda”, aseverou.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta fixo fincapé en que se trata de utilizar a zona que se atopa dentro das instalacións do perímetro de PSA-Peugeot e que a factoría precisa para desenvolver os novos modelos e futuros. “Non se prexudica, polo tanto, a ninguén, nin afecta ningún dereito de ningún lindante. Estamos a falar de intereses públicos, de promotores públicos; non de ampliación de parcelas nin de superficies fóra da parcela da Zona Franca”.

En caso de non obter o martes o visto e prace de todos os grupos parlamentarios para poder debater esa emenda e posteriormente votala, Feijóo incidiu na posibilidade de elaborar neste mes o proxecto de lei cun único artigo, que sería tramitado como lectura única no Parlamento e daría nas próximas semanas unha solución definitiva.

O titular da Xunta afirmou que esta solución ademais de seguridade xurídica, ofrece unha maior axilidade, xa que con esta vía os proxectos poderán estar aprobados nun prazo de entre catro e seis meses, “cando un proxecto sectorial suporía entre os 24 e 36 meses”.Feijóo fixo fincapé en que non se pode hipotecar o futuro desenvolvemento económico e industrial de Vigo e de Galicia por un problema urbanístico que paralice o crecemento de Citroën. 

“E sexa cal sexa a resposta dos grupos parlamentarios –sentenciou- o Goberno asume o compromiso de dar unha solución. A Xunta vai seguir apostando por PSA-Peugeot e polo sector automobilístico”.



Un novo modelo para Balaídos

Nesta liña, apuntou que na xuntanza o director da factoría viguesa lle confirmou que a planta de Balaídos competirá por un novo modelo que se sumaría á adxudicación do K9, e que suporía unha gran oportunidade para consolidar a posición da planta viguesa no grupo.

Segundo sinalou, este novo modelo ao que aspira PSA Peugeot-Citroën Vigo e polo que comezará a competir en breve, significará todo un revulsivo para a industria galega do motor e para a industria de compoñentes, á que se lle abren novas oportunidades de conseguir contratos. “É unha gran nova non só para os vigueses, senón para Galicia en xeral e para todo o sector”, dixo, posto que permitirá a esta planta poder seguir crecendo en carga de traballo. “Estamos a falar da consolidación desta factoría; a consolidación da automoción en Galicia e das empresas auxiliares. En definitiva, a consolidación da produción industrial da automoción en Galicia”.

Ao respecto, indicou que a automoción é un dos piares da economía galega, posto que supón o 12% do emprego industrial, o 14% do PIB e o 31% das nosas exportacións. Un sector que compoñen 107 empresas con Citroën á cabeza, que pechou 2015 con 407.000 unidades producidas, un 7% máis que en 2014.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias